Lumes

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Basilio Bello

13 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En situacións tan graves como as actuais en relación á vaga de lumes enténdese ben mellor as medidas implantadas hai uns anos de ter limpas as contornas de casas e estradas. Non impiden os fogos, pero si limitan moito, ou evitan, os danos. Quen sabe se, de non ser por iso, agora habería que estar lamentando outra situación nalgúns lugares, por moi mala que sexa a que é. Así que haberá que seguir afondando nesa liña, por moitas dificultades que teña e que nos concellos coñecen ben. Esas longas listas de propietarios que constantemente aparecen nos boletíns oficiais por ilocalizables, e que non cumpren o mandado. Hai moito que avanzar aínda en algo necesario, pero que ten custes altos. E que por moita multa que se anuncie ou ameace e moita actuación subsidiaria que se diga, é evidente que limpar é caro e non se pode con todo a cargo do público se o afectado non o fai.

E a maiores: hai quen o quere facer, e non pode, non ten cartos ou medios. Ou non está e non coñece a situación, ou mesmo non se atopan os titulares. Moi complexo todo, pero polo menos avánzase. Hai quen aproveita isto de paso para talar determinadas especies que non causan perigo ningún, pero esas excepcións non invalidan unhas normas boas. Hai camiño andado, seguro que existen marxes de mellora. Todo isto non sería necesario se non actuasen os pirómanos que, non o esquezamos, sempre existiron. Eu lembro lumes cada verán cando era neno, e como todos saiamos a axudar a apagar. Rogas enteiras de xente cos caldeiros. Iso si que non mudou: a solidariedade veciñal, por moito que xa non sexa a que era. Outros mundos.