
Festiletras do Couto | Novo «milagre» festivo en terras pondalianas: música, historia local, artesanía...
23 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Grazas a unha «total» implicación do excelso e incansable voluntariado, a eses corenta anos soñando con construír país, a quen durante todo o ano permanece atento ao último da cultura galega, a quen presta as súas eiras, os seus cabazos, as súas leiras, o seu tempo, o seu saber, as súas ideas, as súas críticas construtivas. Sobre todo iso se sustenta unha cita coa familiaridade da aldea que comeza hoxe en terras pondalianas: arranca a cuadraxésimo terceira edición das Festiletras do Couto!
Ás once da mañá de hoxe botará a andar coa apertura da feira de artesanía, coa primeira das demostracións de lutiers especializados en instrumentos de vento, con xogos animados por Miudiño e cunha nova edición do encontro Aldeas Singulares. A partir dese momento, e durante toda a fin de semana, por cada recuncho da aldea pontecesá haberá actividades de tódalas tipoloxías, sendo a maioría delas de acceso e libre e gratuíto, a excepción dos concertos do mediodía e da noite e da contada de Carlos Blanco que terá lugar hoxe.
O cambio de data e o agrupamento das actividades en dúas xornadas, no canto de tres, son algunhas das novidades máis significativas deste ano nun festival que leva corenta anos en constante evolución. Sempre aberto a mellorar, sempre disposto a recibir. «O fundamental é saber escoitar», explica Xosé María Varela dende a Fundación Eduardo Pondal, «sempre hai xente observadora que nos vai dicindo en que cousas se pode mellorar, e outra que está sempre á última das novidades musicais, teatrais e culturais», engade. E sempre cunha premisa moi clara: «Somos a festa das letras, e non esquecemos as nosas orixes», di Varela.
Zonas de estacionamento libre e de acampada, servizos como duchas e aseos, espazos gastronómicos con opcións culinarias variadas, billeteira física... Paga a pena unha visita ao Couto!
Estratexias para a facer rexurdir o rural nunha nova sesión das Aldeas Singulares
A vimiancesa Natalia Lema será a encargada de moderar, ás 11.00 da mañá de hoxe, unha nova edición do encontro Aldeas Singulares, no que cada ano afloran estratexias para o rexurdir do rural.
Un dos participantes será Pablo Rodríguez, presidente da Asociación de Veciños de Puxeiro (Lobios), unha entidade que leva anos loitando pola recuperación dos valores patrimoniais e etnográficos da aldea a partir da elaboración do pan. Tamén intervirán a arqueóloga Puri Soto, directora da escavación do castro larachés de Montes Claros, e o humorista Anxo Moure, que abordará o proxecto Cinema Palleiriso en Garabelos (Chantada).
Tamén terán presenza no encontro as fundacións Brandomil, co avogado José Pérez Santos como portavoz, e Juana de Vega, da man da arquitecta Nuria Freire. Falarán do xacemento romano que está a ser descuberto na localidade e do proxecto Couto Florido, respectivamente.
Completarán as palestras Jaime Izquierdo, especialista en desenvolvemento rural; Manuel Busto, loitador pola recuperación do conxunto dos pendellos de Agolada, Luis Rodríguez, presidente da Asociación de Veciños da parroquia corcubionesa de San Pedro de Redonda, e Paco Ledo, poeta. Logo de dúas roldas de intervencións, a xornada concluirá cun coloquio e coas preguntas que desexe formular o público.

Bo e Xeneroso de Honra para Kepa Junkera: un dos momentos máis agardados de hoxe
Ás seis desta tarde, ao pé do cabazo máis antigo do Couto, o acordeonista vasco Kepa Junkera recibirá o premio Bo e Xeneroso de Honra, que lle concederá a Fundación Eduardo Pondal en sinal de «gratitude pola súa traxectoria artística e pola súa xenerosidade humana (...) Polo seu talento artístico e pola súa condición de persoa comprometida e próxima», indican. Dende aquela primeira visita do 2010, na que se encheu a Fundación para escoitalo con Pazos de Merexo, a relación foi constante, e desta banda retornará para ser homenaxeado logo de deixar «unha fonda pegada na comarca», di a entidade.
O programa de hoxe, sábado
- 11.00 (libre): Feira de artesanía, encontro Aldeas Singulares, xogos con Miudiño e Artesáns do Vento, con Luís Pena.
- 11.30 (libre): Roteiro teatralizado polos cabanotes, con Suso Martínez, e pasacabanotes con A Requinta de Lampai.
- 12.00 (libre): Alalás do Mar na Casa de Xan da Vella, animación a cargo de Anxo Moure e Elas, con Vero Rilo, na rúa Travesa.
- 13.00 (libre): Eris Mackencie, proxecto en solitario de Carlos Eirís, actuará na Eira de Pailetes.
- 14.30 (de pago): De Ninghures, na Eira da Fundación.
- 16.00 (libre): Willow GHZ no Espazo Deleite, e Animais fantásticos da aldea, de Andrea García, na Eira de Cantexa.
- 16.30 (libre): Ronsel de Sabores na Casa de Xan da Vella e xogos e obradoiros con Miudiño na Praza do Quinteiro.
- 18.00 (libre): Entrega do Bo e Xeneroso de honra a Kepa Junkera, na rúa Travesa, e tributo con Pulpiño de Viascón. Ademais, palestra O novo improvisador, de Séchu Sende.
- 18.30 (libre): Pasacabanotes con Faíscas da Pontragha e roteiro teatralizado con Suso Martínez.
- 20.00 (de pago): Contada de Carlos Blanco Contos do mar, no Espazo Deleite.
- 20.00 (libre): Actuación de Rompecinturas Selektor na Eira de Pailetes.
- 21.30 (de pago): Concertos de Caamaño&Ameixeiras, Dulzaro e Zetak na Eira da Fundación.
E ademais...
Entradas: Pases individuais para o sábado ou o domingo a 16,5 máis gastos de xestión en venda anticipada (Ataquilla) ou a 18 na billeteira física do festival. As entradas posibilitan o acceso aos concertos de pago.
Servizos: Aparcamentos de balde, varias zonas de acampada con servizos como duchas, aseos ou limpeza constante, e un espazo gastronómico.
Exposicións: Nas pantallas despregadas pola vila proxectarase o documental Saberes, de Omar Rabuñal. Ademais, dúas mostras fotográficas: Fillas das mareas, sobre as mulleres do mar, e A parroquia para sempre, os retratos que Jesús Faílde fixo aos veciños da súa aldea.
Espazos: Artesáns do vento, con lutiers que fabrican instrumentos de vento; Ronsel de sabores, con traballadores do mar que falarán do seu oficio e prepararán produto, e Alalás do mar, memoria mariñeira.