Meritocracia

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

BASILIO BELLO

25 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Son máis de corenta anos de Festiletras, nun reduto marabilloso como é o Couto. Nestes tempos onde se fala tanto de xeración de cristal e perda de xuventude, quedo abraiada co ambiente do festival, tan diferente ás opcións de lecer que son habituais. No Festiletras, todos somos da casa, habitamos as rúas empedradas ca confianza que nos insufla Xosé María Varela, a alma máter da organización. O máis curioso é que camiñando polo estreito corredor que dá acceso ao Couto, todo o mundo saúda, aínda sen coñecerte. Isto é algo inaudito nestes tempos modernos, cheos de individualismo e cobiza. Cun cartel actual, cheo de artistas emerxentes e consolidados, logran fomentar un ambiente san, onde conviven a cultura, o divertimento, a arte e como non o humor. Os nenos que onte quedaban abraiados con Anxo Moure ríanse sen necesidade de Youtube Kids nin de trolas modernas que xeran dopamina rápida entre as crianzas, privándolles da neuroplasticidade propia da súa idade. Ao fondo, aínda quedaba nos montes o vestixio dos lumes que intentaron arrasar ca aldea modelo de Galicia, onde ninguén é foráneo. Nin o lume, nin as mans quen o provocaron, puideron chafar unha nova edición do Festiletras, enchida de aldeas singulares, proxectos incipientes e saudade de promover as nosas raíces. Que feliz estaría o bardo de Pondal de ver que tan preto da súa casa pervive o espírito dos rumorosos que sempre defendeu nesa simbiose perfecta con Curros Enríquez e Rosalía de Castro. O Rexurdimento non foron eles unicamente, son os centos de mozos e mozas que pasaron polo Couto esta fin de semana para tomar o relevo xeracional. Reivindicando, como di Jaime Izquierdo, a Galicia ca sabedoría de sempre e a vangarda de hoxe.