Madeireiros

Ramón Baocherín TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

07 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Matogueiras e pedras, maiormente. Así cualifica, un Alfonso Rueda xa descansado e afeitado, a afectación dos maiores incendios da historia recente de Galicia. Segue sen haber consenso nas hectáreas queimadas, sen falarse do acontecido co Bidueiral de Montederramo, dos teitos vencidos ou dos corazóns feridos. Segue sen falarse da vida.

Mentres tanto, outros inimigos do monte que actúan ao longo de todo o ano continúan violándoo con total impunidade. As casualidades ás veces son caprichosas, pero non tardan moito en esvaecerse, igual que o patrimonio dun monte cando o pisan as empresas madeireiras, con algunha honrosa excepción.

Ás veces penso se para ser madeireiro se debe rezar pedir perdón é máis doado ca pedir permiso. Sexan valados de pedra, sexan de torrón, sexan caducifolias ou regatos, todo queda alterado ao seu paso. Autocargadores de quince toneladas borrando camiños primitivos e canles. Non respectan o arboredo de ribeira; se a finca está lonxe dunha estrada, xa nada que falar. Cortan árbores que non corresponden.

Séntense completamente intocables. Corrixo, son intocables. As sancións que poidan ter ou os cartos retidos nas fianzas non serven para restaurar ren.

Precísase dun plan forestal real. Dunha lexislación eficaz que ordene e protexa o monte, especialmente o bosque de ribeira ou con mananciais. Urxe unha normativa de forestación ao redor de fontes e regatos por parte da Administración Pública, así como un seguimento ríxido das cortas.