María Pombo di que ler non nos fai mellores. É certo. As persoas non son mellores por ler libros ou follear o xornal. Acotío, moitas persoas cultas son pedantes, maleducadas e infinitamente pouco humildes. Tamén ocorre cos ignorantes. Mal de moitos, consolo de poucos. A bondade ou a ausencia da mesma a miúdo é algo inherente á persoa. O único que nos brindan os libros é coñecemento e iso permítenos coñecer outras realidades alleas ás nosas e prosperar. Ler nunca foi cultura de masas. É sa, como facer deporte, pero non todos o practican.
Eu estou farta da xente que fai apoloxía de ler, sendo eu unha gran practicante. Se alguén nos le que sexa porque lle presta, non por obriga. En vez de impoñer agresividade tiñamos que achegar a lectura, a lingua, dende outra perspectiva. Eu penso que se María entra nunha biblioteca mañá sentirá moitos prexuízos. Como narradores, divulgadores e amantes das letras temos que facer accesible a literatura a todos, aos que nos gusta ler e aos que non son adeptos. Coido que é a única forma de facer a lectura universal e non denostala a públicos sesgados e puntuais. Para querer atraer ás persoas, hai que brindarlles espazos cómodos e cheos de confianza. En psicoloxía chámanlle fornecer contextos que eludan a diferenciación social.
Eu penso que é ser persoas amables, cálidas, que promovan espazos hábiles. Namentres, seguiremos construíndo un ambiente pouco propicio onde, por un comentario narcisista coma este, verten insultos, acoso e ameazas nefastas. Todo isto nun contexto onde a guerra, a discrepancia e o odio son tónica xeral, ante a impasibilidade de todos. Debatemos de María Pombo cando en Gaza vive a barbarie. Incongruencias.