O mal do perdedor

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Lamine Yamal, en el centro, junto a su padre, Mounir Nasraoui y su abuela Fátima
Lamine Yamal, en el centro, junto a su padre, Mounir Nasraoui y su abuela Fátima Benoit Tessier | Reuters

29 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

pai de Lamine Yamal anda desairado. Considera que o Balón de Ouro tiña que ser para o seu fillo. Dá a entender entre liñas que todo é un fraude. Cinco minutos antes do veredicto non o consideraba, pero é o mal do perdedor, todo nos parece amañado cando nós non somos os afortunados. Pasoume esta semana que un gran poeta gañou un premio de poesía e había xente que poñía en dúbida que fose merecente do galardón. Unha persoa incluso aludía ao xénero coma se os certames literarios diferenciasen a través do sistema de plica entre homes e mulleres.

Eu penso que ese sentimento de xenreira é autoprotección. A min mesma tenme pasado imaxinar que hai trampa nun certame cando non son a gañadora, pensando dende unha perspectiva egocéntrica que o meu traballo era espléndido. Porén, en anos posteriores acadei premio. Cambiou o sistema? Non, simplemente mellorei como poeta ou o meu traballo era obxectivamente máis bo.

O egocentrismo é das cousas máis prexudiciais do ser humano. A miúdo, esquecemos que sempre hai persoas mellores ca nós en calquera eido. Pensar que somos o centro do mundo, o tándem perfecto, é querer tapar o sol cun dedo. O que pasa é que fomos educados para afrontar a vitoria e ben pouco para solucionar a derrota. Lamine Yamal aínda é moi novo e ten todo o tempo do mundo para conquistar o mundo do fútbol, onde alguén de ascendencia marroquí tamén ten que romper moitos moldes. Eu vin na mirada de Ronaldinho esa calma que só dan os anos, tras perder a fuga do brillo e a fama, o sosego da idade madura. O pobre Lamine, incitado pola presión que exerce seu pai, seguro sufriu unha boa decepción. O que nunca lle dixeron é que unha vitoria futura e difícil sabe moito mellor.