A opinión sobre Evencio Ferrero dos exconcelleiros Milagros Lantes, do BNG; Juan Carlos Castro, do PP, e Carlos Puga, do PSOE
CARBALLO
A tres bandas | «Talante dialogante», «Bo político, mellor persoa» e «Non necesitou apelido»
02 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Non necesitou apelido
A OPINIÓN DE Carlos Puga, EXCONCELLEIRO do PSOE DE CARBALLO, SOBRE EVENCIO FERRERO
Sucede na vida cotián e tamén, como non podía ser doutra forma, no mundo da política. Trátase do proceso polo cal unha determinada persoa, con nome e apelidos, pasa pouco a pouco a ser coñecido e referida unicamente co seu propio nome de pila. Pois ben, ese fenómeno ten un exemplo indiscutible no caso de Evencio, porque estou seguro que moitos veciños que a el se refiren simplemente co seu nome descoñecen que o seu apelido é Ferrero. E para que ese fenómeno suceda precísase a concorrencia de dous elementos básicos. Por unha parte, por suposto, o transcurso de tempo. E, de outra parte, o devir da persoa en cuestión, en canto sexa exemplo de ben facer, tanto na súa vida persoal como pública.
Non se pode discutir que Evencio cumpriu de sobra con ambos requisitos. Case 50 anos na vida pública non os pode acreditar calquera. E mais de 22 anos de alcalde dunha vila grande como o é Carballo, suscitando un apoio transversal e continuado, moi poucos. Así que, Evencio, querido amigo desde que hai mais de corenta anos cheguei a Carballo, so me queda desexarte de todo corazón que goces dun bo e merecido descanso.
Bo político, mellor persoa
A OPINIÓN DE MILAGROS LANTES, EXCONCELLEIRA do BNG DE CARBALLO, SOBRE EVENCIO FERRERO
Aristóteles di no seu libro A política que a virtude do bo político e a virtude da boa persoa son o mesmo, e neste caso cúmprese.
Foi e é para min unha grande honra e un inmenso pracer ter compartido con Evencio todos estes anos de traballo político, primeiro na oposición e despois no goberno, xa que con moita dedicación, honradez, tesón e firmeza foi quen de facer de Carballo «un bo lugar para vivir».
Non foi doado chegar ata o Carballo que podemos desfrutar agora. Foi posible grazas a que contamos cunha persoa que soubo traballar en equipo, escoitar, dialogar, respectar as diferentes opinións e que nunca se deu por vencido ante nada.
Persoa respectada
Saber ter os pés na terra, saber o lugar que ocupas en cada momento, o que representas, fai de Evencio unha persoa respectada, querida.
Moita máis honra é saber que tes ao teu lado un amigo que está sempre aí, nos bos e nos malos momentos, e que sempre tes a súa man tendida para estar contigo.
Talante dialogante
A OPINIÓN DE juan carlos castro, EXCONCELLEIRO do Pp DE CARBALLO, SOBRE EVENCIO FERRERO
Coa súa renuncia como alcalde, Evencio Ferrero pon fin a unha longa etapa de case medio século dedicada á política carballesa. Gustaríame destacar unha gran virtude: o talante dialogante, construtivo e respectuoso cos seus adversarios políticos. Ao longo destes anos, estando os dous no goberno e na oposición, tivemos moitos debates intensos co fin común de mellorar Carballo. Debates sempre marcados polo rigor, a educación e o respecto mutuo, coa convicción de que as persoas están por riba das discrepancias.
Acadar acordos
Mesmo fomos capaces de acadar acordos, algo cada vez menos frecuente na política actual. Evencio merece o recoñecemento de todos polo seu sacrificio persoal e dedicación ao servizo público durante décadas. Procurou sempre o que estimou mellor para Carballo. Tivo acertos e erros, como os ten toda obra humana, mais estou certo de que deixa unha fonda pegada que permanecerá na memoria colectiva.
Parabéns, Evencio, e os meus mellores desexos de que desfrutes plenamente desta nova etapa.