Canceladas por unha baixa médica as funcións de «Territorio Regueifa» no FIOT
CARBALLO
O festival programou para o venres un monólogo de Xosé Antonio Touriñán
01 oct 2025 . Actualizado a las 20:28 h.As funcións do espectáculo Territorio Regueifa previstas para esta fin de semana no FIOT veñen de ser canceladas por mor dunha baixa médica dun dos integrantes do elenco. Así o comunicaron este martes dende a organización do festival e dende Ainé Producións, asegurando que polas características da obra e o peso que levan os tres actores protagonistas, é inviable a tres días vista atopar unha substitución.
Varias eran as funcións previstas para esta semana —incluída a estrea absoluta do espectáculo, o venres—, que a organización reprogramará «cando a compañía poida retomar o traballo e as condicións humanas e técnicas de tódolos axentes implicados así o permitan», din.
Entre tanto, e para garantir a continuidade das propostas teatrais nesta fin de semana, o festival decidiu programar para o venres o espectáculo Aquí tou!, un monólogo de Xosé Antonio Touriñán distribuído a través da mesma produtora, Ainé. Será ás nove da noite, no auditorio do Pazo da Cultura, e os abonados poderán acudir co seu pase se así o desexan. En caso contrario, terán opción de solicitar a devolución do importe proporcional da obra cancelada. En canto ao público xeral que estea interesado en acudir, abrirase na plataforma Ataquilla.com un proceso de venda xeral de entradas, que tamén se despacharán na billeteira do Pazo o mesmo día da función en caso de haber butacas dispoñibles.
Ademais das dúas funcións de Territorio Regueifa que se ían representar no Pazo o venres e o sábado, tamén se cancelou o pase para poboación escolar do programa FIOTeen, así como a sesión de Onda FIOT (Escola do Espectador nas Ondas) que estaba prevista para o sábado no Pazo da Cultura.