En primeira persoa | Entrei no programa sen saber moi ben que ía atopar (...), coa cabeza chea de dúbidas
05 oct 2025 . Actualizado a las 22:39 h.Son Jose Carballido. Levo desde o ano 2016 sendo mestre de música no CEIP de Caión, moi feliz de pertencer a unha comunidade escolar única. Tamén canto, toco a guitarra, arranxo e compoño no meu proxecto A Sombra dos Soños, unha banda na que mesturamos rock, tradicional e elementos electrónicos. Dende setembro do 2024 ata xullo do 2025 participei no concurso Recantos que se leva a cabo dentro do programa Luar (CRTVG).
Cando o concurso comezou, houbo xente que me dixo: «Un heavy coma ti non pinta nada na Teleghaita!». Outras persoas optaron por: «Vas renegar do rock?». E outro grupiño limitouse a mirarme con perplexidade. A dicir verdade, nunca me considerei seguidor dun único estilo de música… apaixóame a música clásica, o progresivo, a música tradicional e outros moitos estilos entre os que tamén inclúo os que a miña aparencia delata, por suposto, pero sen fanatismos cegos.
Entrei no programa sen saber moi ben o que ía atopar. Evidentemente coñecía o Luar, pero a través dunha pantalla só chega parte da información… a parte que nos ensinan: a que chega chea de luz por unha pequena fiestra. Pero, que tiña de real o que se transmitía? A miña cabeza estaba chea de dúbidas. Unha delas era como ía encaixar o meu estilo de cantar en pezas tan diferentes ao meu mundo musical (xustamente o repertorio de Recantos era un repertorio bastante descoñecido para min).
Tamén me preguntaba se o bo talante de Gayoso sería igualmente bo sen cámaras diante, se o tándem Esther Estévez-Gayoso sería puro guión, se encaixaría ben co resto de recanteiros e recanteiras… A primeira dúbida que se disipou foi a de como encaixariamos @s recanteir@s entre nós. Desde un principio vin que perseguir o mesmo soño, aínda que de xeitos diferentes, une. Agás algunha que outra excepción, convertémonos nun grupiño cohesionado, divertido e cantareiro. Cada semana cantabamos algo xuntos antes de entrar no programa e iso contribúe a sentirse ben. Probádeo. É moi aconsellable. Cantar con máis xente é marabilloso.
Outra das dúbidas que en dous ou tres programas deixei absolutamente resolta foi a de como é Gayoso en realidade. Descubrín que non é como parece en pantalla… é mellor! Afable cos fans e cos compañeiros. Sempre boas palabras con todo o mundo, a pesar dos problemas que puideran xurdir. E ese bo ambiente que se creaba con Esther? A min pareceume sempre moi real. Ela é tamén unha gran profesional. Empática e comprometida.
Volvamos ao meu. Ía funcionar o meu estilo nun formato como o de Luar? Era consciente de que tería que cantar temas doutra xente. Cando canto as miñas pezas síntome moi seguro da parte emocional que pretendo transmitir. Pero os meus recursos estilísticos e interpretativos entenderíanse nun contexto tan diferente? Lembro perfectamente o día do meu debut no concurso. Tocoume Cor esperanza de Diego Torres, unha peza que nunca me chamara a atención, e que agora ten un significado moi especial para min. Cando me comunicaran que tema tiña que interpretar pensei que era unha boa opción, non vos vou enganar. Nese mesmo momento púxenme a traballar no tema, busquei o camiño que eu tomaría se a canción fose miña. Como expresaría eu isto? Cantando máis agudo. E isto outro? Rasgando un chisco.
Fun configurando así pouco a pouco a miña interpretación. Xa o día da actuación: proba de escenario pola tarde moi cediño, esperas, maquillaxe, ensaios do dúo (outra marabilla de peza e de compañeira), nervios. Unha hora antes de saír ao escenario o noso director musical Pedro González, un tesouro que levo do meu paso por Recantos, proponme un lixeiro cambio. Ese primeiro día pareceume moi precipitado cambiar algo, case unha tolemia! Co tempo afíxenme e ata me parece necesario poder facelo así.
Saio ao escenario. Corazón, por favor queda no peito. Lembro cada nota, cada intención que puxen na peza. E lembro o final. Esa mestura entre satisfacción e alegría, o público aplaudía mentres eu mantiña o meu brazo en alto coa man cornuta ao final do mesmo. Aínda quedaba o dúo. Facémolo. Lémbroo como apoteótico. Foi apoteótico. Vaia noite.
Funcionou o meu estilo no Luar? Esa mesma noite entendín que si. Foi moito público do programa o que se achegou a dicirme que lle gustara o que fixera coa miña voz. Incrible. Non tiñan prexuízos. Tiñan os oídos ben abertos a outras opcións vocais. Foron nove as cancións individuais e nove dúos os que cantei no programa. Un luxo. Saíron todas como quería? Non. Pero estou moi satisfeito co traballo que fixen en todas elas. De todas levo unha aprendizaxe, momentos e emocións que sempre estarán comigo e que me virán á cabeza cada vez que as escoite. Foron meses moi, moi especiais. Grazas, Luar.
DNI
Jose Carballido, como el mesmo explica nestas liñas, é docente no colexio de Caión, onde imparte materias como música e tamén lidera o coro escolar, entre outras facetas. A banda A Sombra dos Soños, rock decididamente en galego, é o seu proxecto actual, xa con disco e mesmo colaboracións internacionais, caso da recente con Terra Nai (Costa Rica). «Felicidade»: iso dixo nunha entrevista que lle aportaba a música a un neno. «A min axudoume toda a vida», afirmou tamén.