Pasiño a pasiño, faise o camiño

María Paz Rodríguez O FARO

CARBALLO

Maripaz Rodríguez, presidenta da xunta local vimiancesa
Maripaz Rodríguez, presidenta da xunta local vimiancesa BASILIO BELLO

19 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Como paciente de cancro de mama quero resaltar a importancia dos cribados e da prevención. No 2017, nunha mamografía de control hai sospeita de carcinoma. A biopsia confirma o diagnóstico, aos quince días estaba operada, e mes e medio máis tarde empezaba o tratamento. En ningún momento houbo signos evidentes do que se estaba empezando a formar: nunca me atopara mal e tampouco se palpaba ningún vulto. Tiven sorte de ter feito aquela revisión e que me detectaran o tumor nun estadio moi incipiente. Así que, por experiencia, poñamos o foco na prevención, acudamos ós cribados, tomémolo a peito!

Como voluntaria da AECC, quero resaltar a importancia da participación nas actividades que realizamos as xuntas locais para aportar o noso graíño de area.

Por un lado, para que se siga investigando. Por outro, para poder ofrecer servizos gratuítos a enfermos oncolóxicos e as súas familias. Ademais da atención psicolóxica e social, tamén se ofrecen servizos como orientación médica e servizos de logopedia, nutrición, exercicio físico oncolóxico e fisioterapia destinados ao tratamento dos síntomas ou secuelas derivados da doenza. Poden chamar gratis o 900 100 036, 24 horas/365 días, ou contactar coas voluntarias das súas Xuntas Locais.

En terceiro lugar, tamén é clave esa participación para levar a cabo iniciativas como o Club de Saúde, que acercan servizos a entornos rurais. Trátase de talleres impartidos un día á semana nos centros de saúde de Vimianzo e de Cee, nos que se aborda a saúde física, social e emocional de pacientes con cancro e dos seus familiares.

Pasiño a pasiño, faise o camiño.