A paixón da arbitraxe e do fútbol

Manuel Espasandín CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

En primeira persoa | Escribe Manuel Espasandín | Meu avó ensinoume a xogar ás cartas e levábame aos campos: así comezou todo

26 oct 2025 . Actualizado a las 23:17 h.

Os meus primeiros recordos lévanme á aldea de Fornelos, onde os meus avós tiñan unha taberna. Alí pasaba os veráns e as fins de semana. Era un lugar cheo de vida, onde aprendín moito deles. O meu avó, coñecido como O Relojero, un home que superou as súas propias barreiras, sempre tiña unha historia que contar, con moita retranca, que provocaba risas. El ensinoume a xogar ás cartas e levábame ao fútbol; así comezou a miña paixón cada domingo.

A miña avoa era unha muller da casa, afeita ás matanzas do porco, e a taberna convertíase nun punto de encontro cheo de xente, risas e cheiros a tabaco e café. Eu interactuaba cos clientes do bar. A súa famosa «forfolletada» —fígado encebolado— era o prato estrela e os chourizos afumados na lareira eran un auténtico manxar. Miña nai aínda conserva esa man para a cociña; oxalá eu a herde.

Dende cativo sempre fun inquedo. Facíalle moitas falcatruadas a meu irmán maior: sempre lle quitaba os seus bonecos de súper heroes. No colexio probaba de todo —bádminton, patinaxe…—, pero o que máis me fascinaba era o teatro. Había algo máxico nos ensaios, nos nervios do escenario, nas risas. Lembro con moito agarimo aquela personaxe dun enfermo ao que «destripaban na padiola do hospital». Era unha obra chea de humor e improvisación, e eu sentía que facía rir á xente, como facía meu avó. Ao rematar o curso, levaba as rosquillas de anís da miña nai. Aquelas tardes na cociña con ela, amasando e fritindo, deixaban un arrecendo doce… Teño antollo delas todo o ano. Os compañeiros e profesores dicíanme: «Vas traer as rosquillas da túa nai?».

Nos veráns tocaba estar no negocio do meu pai, un taller eléctrico, pero a min a electricidade nunca me atraeu. Quizais de velo sempre coa funda posta, eu prefería a oficina, cos papeis e o teléfono; iso tamén acabou marcando o meu futuro laboral. Sempre estiven ligado ao deporte e á vida social da vila, especialmente ao fútbol, que marcou boa parte da miña infancia cos amigos. Xoguei como porteiro, percorrendo os campos da Costa.

Campos de terra

Como esquecer aqueles madrugóns chovendo, nos campos de terra; manchados de lama ata as orellas no Balsiño; as viaxes no autocar de Gerardo… Un dos recordos máis fermosos foi a viaxe a Alacante para xogar contra o Concentaina. Perdemos por goleada, pero volvemos a Baio coa copa máis grande que ten o club nas súas vitrinas. Mesmo visitamos o parque temático Terra Mítica. A viaxe foi unha auténtica gozada, que todos os daquela xeración recordamos.

Ao final da secundaria decidimos organizar un torneo de fútbol sala para recadar fondos para a excursión a Mallorca. Todo ía ben ata que os árbitros oficiais non apareceron. Sen pensalo moito, púxenme eu a pitar. Foi a miña primeira experiencia co silbato. Ao principio estaba nervioso: pitáballe a homes que me dobraban a idade, pero axiña me deixei levar pola emoción dos partidos.

Cando chegaron os árbitros oficiais, os equipos non estaban moi conformes coas arbitraxes e pedíronme que seguise arbitrando ata o final. Aquel día descubrín algo que, sen sabelo, me marcaría. Pensei en federarme, pero seguín como porteiro un par de anos máis. Por desgraza, dúas lesións de xeonllo fixeron que deixase o fútbol, e foi entón cando naceu a Subdelegación da Costa. Vin claro que era o momento de facerme colexiado. Se puidese volver atrás, estou convencido de que tería comezado antes, porque este camiño de aprendizaxe e compañeirismo deume moito máis do que imaxinaba.

BASILIO BELLO

Uns anos antes, animado polos meus mellores amigos, «os 90», decidimos coller a Comisión de Festas de Baio. Era un grande reto: devolverlle á vila algo de todo o que me dera cando era mozo. Eu xa tiña por costume engalanar o coche en San Cristovo, tentando gañar o premio ao mellor vehículo. A comisión foi, sen dúbida, un máster. Aprendín a xestionar un orzamento, tratar cos veciños, coordinar o grupo, solucionar imprevistos e, sobre todo, que para que todo saia ben nunha festa depende das persoas que traballan detrás, e que nunca vai estar ao gusto de todos.

Tabeirón Deportivo

Despois chegarían outros proxectos. Un deles foi Tabeirón Deportivo, unha asociación creada con ilusión durante a pandemia. En pouco tempo organizamos catro probas: o Trail dos Foucellas, a BTT Monte Castelo, o Duatlón das Letras e a Carreira Nocturna. Foi unha etapa curta e intensa, pero enriquecedora na que aprendín a valorar a forza do voluntariado veciñal.

Mas recente un novo reto, que asumín con moita ilusión: a Subdelegación Arbitral da Costa da Morte, apoiado polos meus compañeiros. Dende entón coordino un gran grupo de persoas que formamos unha pequena familia, e que todas as fins de semana percorremos os campos da Costa coa paixón da arbitraxe. Que será o seguinte…

DNI

Manuel Espasandín. Naceu o 23 de maio de 1990 en Baio, onde foi á escola e ao instituto Maximino Romero de Lema. Empezou a xogar no equipo da súa localidade en alevíns e estivo no club ata acadar a categoría sénior, como porteiro. Agora é o responsable da Subdelegación Arbitral da Costa da Morte. Tamén foi presidente da comisión de festas durante cinco anos e de Tabeirón Deportivo entre 2020 e 2023.