Novo vídeo divulgativo da toponimia da comarca, con Xosé María Lema Suárez
05 nov 2025 . Actualizado a las 12:39 h.«Brandomil é unha parroquia do concello de Zas, na Terra de Soneira. Xunto coa súa filial, Brandoñas, a máis meridional deste municipio, na beira do Xallas»: así inicia o soneirán Xosé María Lema Suárez, académico correspondente e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) a nova peza audiovisual da sección O Seminario de Onomástica responde, vídeo duns 14 minutos e fermosas imaxes, no que Lema non pasa por alto nin sona literaria nin arqueolóxica antes de afondar na orixe etimolóxica do topónimo Brandomil: «Un topónimo único en toda Galicia», deixa dito.
Como xa tiveran publicado Xosé María e Evaristo Domínguez en Zas polo miúdo e agora se divulga neste documento que se pode ver en Youtube, tense discutido ben sobre a etimoloxía de Brandomil. Por un lado, esa opción de Piel/Kremer (1976) ligada á antroponimia de filiación xermánica: procedería de *Brandemirus, posible nome persoal, composto por brand (espada) e mereis, latinizado mirus (célebre). Ao ano seguinte, 1977, o filólogo latinista Moralejo Laso acabaría, en cambio, por non ter dúbida da identificación de Grandimirum co actual Brandomil, «cambios fonéticos normais» polo medio. Xa en tempos máis actuais, 2010, Paulo Martínez Lema dá por boa na súa tese de doutoramento a hipótese prelatina de Moralejo, na que se combinan datos históricos, xeográficos e lingüísticos. Velaí o composto hidrotoponímico glannos, beira dun río, e meiros, mol, suave.
Pondal, ouro e estaño
É parte da explicación de Lema neste Seminario responde, no que tamén aborda o paso da grafía Brandimir, séculos XII e XIII, ao Brandomil actual. No literario, Brandomil foi escollido polo poeta Pondal para darlle nome a un dos seus imaxinarios heroes celtas.
«Para o posible étimo de Brandomil, cómpre ter en conta o seu pasado romano», afirma doutro lado o soneirán na súa exposición. Asentamento ligado á presenza no subsolo deste territorio de minas de ouro e estaño. Testemuña das antigas escavacións mineiras é o Pozo de Limideiro, «lugar pegado a outro, lindeiro». Minas que tamén explicarían o desvío cara este lugar da vía XX do Itinerario de Antonino, Per loca marítima, de Braga a Astorga.
As escavacións de Juan Naveiro, que deixarían o antigo Brandomil revelado como cuarto asentamento romano da actual provincia da Coruña, o máis occidental do imperio, ou as de Lino Gorgoso e Abel Vigo, promovidas por Concello de Zas e Fundación Brandomil —véxase o libro Brandomil, vila soterrada—, son asemade referenciadas neste vídeo dende espazos como a Pedra do Altar. O mesmo coa chamada ponte vella, con base romana, e o documento máis antigo que a ela alude, «do ano 1286, na corte de Burgos».
«En toponimia non podes dar algo por definitivo, non é unha ciencia exacta»
Son algo máis de sesenta os vídeos que se teñen feito dentro deste proxecto O Seminario de Onomástica responde, con divulgadores diversos que van desde Vicente Feijoo a Ana Boullón, Antón Santamarina, Fernando Cabeza Quiles, Ramón Lorenzo e outros. Na Costa da Morte, Brandomil vén a sumarse a Malpica, Muxía, Mens, Vila da Igrexa e Cerceda, Zas, Moraime, Cereixo, Vimianzo, O Allo, A Cebola, Laxe e Cabana de Bergantiños. Xosé María Lema é a persoa que divulga Brandomil, Zas, Moraime, Cereixo, Vimianzo, O Allo, A Cebola, Laxe e Cabana. Non hai de momento novas gravacións á vista pola súa banda —depende de que vaia habendo recursos e ademais cómpre atender toda Galicia—, mais avanza que, de haber posibilidade, seguirá escollendo topónimos da comarca de Soneira.
Incide no bo compango que supoñen as imaxes in situ para xerar interese: «Todo o que sexa profundizar na toponimia está ben, e se por riba se ambienta cun bonito escenario...», sopesa. Deixa ben ás claras Lema Suárez que a toponimia «non é unha ciencia exacta», que non hai verdades absolutas, senón posibles orixes nas que escudriñar: «En toponimia nunca podes dar algo por definitivo». Para mostra, o propio topónimo de Zas, o que se foi crendo e comprobando ao longo do tempo grazas á aparición tamén de documentos.
Libro para o próximo ano
A comarca de Soneira está ben peneirada por Xosé María en materia toponímica. Para o vindeiro 2026 publicará, por certo, un libro centrado na toponimia zasense, en colaboración co Concello.