O 100 % de ocupación do programa de sala marca un fito na historia do festival teatral carballés
11 nov 2025 . Actualizado a las 20:17 h.O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, vén de facer público o espectáculo merecedor do Premio do Público da súa 34.ª edición. Cun 4,75 sobre 5, foi Medida por medida (La culpa es tuya), de Gabriel Chamé Buendía, a curta distancia de Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións, cun 4,43 sobre 5. Houbo 2.073 votante.
O FIOT botou o pano o pasado día 31 e o balance da organización é «altamente positivo», un dos mellores. O que dende o 25 de setembro foi «o corazón do teatro de Galicia» recibiu case 15.000 asistentes, con 44 espectáculos, una vintena de citas paralelas e 25 espazos. O 2025 marcou un fito nestes algo máis de tres decenios: unha porcentaxe de ocupación do 100 % no programa de sala, que no seu conxunto mereceu un 4,39 sobre 5, cifra que é unha das máis altas do FIOT e que sobe ao 4,43 se se inclúen o resto de apartados do festival.
Con dúas cancelacións por causas alleas ao FIOT, Alberto Sueiro, presidente de Telón e Aparte, destaca a capacidade de reacción ante as incidencias, o que atribúe «a un equipo humano e a unha organización do festival solvente e madura». «A altísima ocupación dos espectáculos e actividades fan deste último FIOT o máis grande da historia», abunda Sueiro. Houbo unha ocupación media de máis do 90 % nos espectáculos con aforo e os bonos vendéronse de forma íntegra. Agradece a artistas, compañías, institucións, patrocinadores, voluntarios e público. Territorio regueifa, coprodución con Ainé e unha desas obras pendentes, estrearase a comezos do 2026.