A primeira vez que oín falar do arquipélago das Bijagós foi a un veciño da Ameixenda. Alumeábanselle os ollos ao pronunciar o seu nome, falaba con emoción intensa, ao borde das bágoas, lembrando a beleza das illas, a desbordante natureza, as augas, as árbores, os hipopótamos. A súa terra... Bubaque. Falaba un home ferido pola saudade, tocado pola dor da distancia pero orgulloso da súa raíz. Ese veciño, que fala nun galego perfecto, é Hernany Lima, guineense da Ameixenda. Africano da Costa da Morte.
O vínculo de Hernany con Bubaque segue moi presente no seu pensamento. Tan presente como o estaban as nosas aldeas cando nós vivíamos en Buenos Aires. Ou en Lucerna, poño por caso. Ese vínculo levou a Hernany a moverse, a visibilizar as necesidades, as carencias evidentes que padecen as illas, sobre todo no ámbito sanitario e educativo. Moverse para dignificar escolas e centros de saúde, para axudar no transporte do alumnado, para fornecer material sanitario e escolar. Conseguir bolsas de estudos para que os estudantes poidan continuar a súa formación secundaria na capital, Bissau. Un gasto que normalmente non poden asumir.
Contaxiados polo optimismo de Hernany, un pequeno grupo de alumnas e alumnos da ESO do IES Fernando Blanco traballan hoxe nun humilde proxecto de cooperación con Bubaque a través da ONG Nanian. Non se trata de dar. Non consiste en achegar esmolas. Isto vai de compartir. Estou convencido de que todos saímos gañando. Gañamos sacando a venda dos ollos, destes ollos occidentais que con tanta frecuencia esquecen o sur. Sacar esa venda que nos impide ver a pobreza, a desigualdade e a inxustiza. Isto vai de tomar partido.
Hernany fíxonos un fermoso agasallo cheo de humildade e rebeldía. Tendeunos unha ponte cara a aquelas illas onde tamén se fala galego. Máis ou menos. Abriunos a xanela do sur, aquela que vén sempre con aire quente e alegría. Permitiunos ser, ao igual ca el, africanos da Costa da Morte.