O auditorio baiés acolleu onte á tarde un acto de homenaxe ás cantareiras
17 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.En tempos nos que a tecnoloxía semella querer ocupar tamén espazos de creación artística, cómpre poñer en valor máis que nunca o factor humano. En definitiva, en tempos de intelixencia artificial, intelixencia natural.
Esta foi unha das moitas reflexións que se puideron oír onte á tarde no auditorio de Baio, onde, coincidindo co Día Internacional do Patrimonio Cultural, tivo lugar unha fermosa homenaxe ás cantareiras, promovida polo Concello de Zas, con implicación da RAG e da asociación cultural Adro. «Poucas expresións culturais nos definen máis como pobo que as cantadas», dixo a técnica municipal Tania Carreira ao inicio do acto, que contou coa participación da académica numeraria Fina Casalderrey.
Logo de ser recibida no Concello polo alcalde, Manuel Muíño, Fina falou aos presentes do valor das cantigas e de cómo estas recollen ás veces acontecementos que nin sequera os libros de historia logran recompilar. Tamén falou da humildade coa que se crearon, interpretaron e transmitiron estes fragmentos do saber popular, pese á intransixencia daqueles eruditos que trataron de desprestixialos. Así mesmo, a académica recalcou a espectacular resposta cidadá que tivo a dedicatoria das Letras 2025: «Poucas veces o pobo participou tanto como este ano. Foi apoteótico», dixo, antes de espertar as risas do público con algunha que outra copla «desas ben picantes», chanceou.
Logo da súa intervención, unha imaxe para o recordo: catro xeracións de cantareiras sobre o palco do auditorio baiés. Clarisa Santos e Matilde Ferreiro, dúas veteranas (e ben carismáticas) cantadoras de Pudenza, xunto con varias das integrantes de tres grupos da asociación Adro: Rueiro da Cancela, Rouxiñol e Chamberín. Mulleres que cantaron, tocaron, riron e compartiron a súa paixón pola música tradicional. Nunha longa conversa só interrompida por algunha copla espontánea de Matilde e Clarisa, ou polas actuacións dos grupos, falaron dos inicios, de fitos importantes para a entidade, de transmisión xeracional ou de infancias acompañadas pola música.
Tocoulle ao rexedor poñer a guinda a un acto que estivo conducido pola xornalista Patricia Blanco e polo mestre Álex Ínsua, que leva decenios vinculado a Adro e que fixo innumerables recollidas. Despediuse Manuel Muíño agradecendo ás participantes, recalcando a importancia de coidar a lingua e destacando o labor feito polas asociacións, «que foron capaces de gardar esta tradición para que a música galega siga evolucionando», dixo.
Simposio en Muxía e premio ao Milladoiro: a RAG mira á comarca
Dous son os actos que terá esta semana na Costa da Morte a Real Academia Galega. Por unha banda, hoxe entregará ao CEIP Milladoiro de Malpica ao Premio Na lingua que eu falo. Será nun acto público que terá lugar no centro cívico da localidade (11.00 horas) e no que participarán a académica Fina Casalderrey, a directora do colexio, Ana Seoane; alumnado do centro e o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, entre outras autoridades.
Por outra banda, a Academia planea pechar o ano das Letras ás Cantareiras este sábado cun simposio que terá lugar no Parador de Muxía, municipio natal dunha das homenaxeadas, Eva Castiñeira. Entre as voces convidadas estarán Xulia Feixoo, Sergio de la Osa, Domingo Branco, Branca Villares ou Manuel Rico Verea, así como Xabier Díaz, Richi Casás ou Isabel Vigo. Pechará o acto unha actuación da agrupación local Abaladeiras de Muxía.