Guadalupe Vázquez: «Non chega con indignarse un día ao ano, é responsabilidade de todos combater a violencia de xénero»
CARBALLO
A escritora presentará o luns en Cee o seu último traballo, «A voz silenciada»
22 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A voz silenciada é título da última obra de Guadalupe Vázquez, un libro no que fala de violencia de xénero e que presentará este luns en Cee:
—O 25N, unha data que nos gustaría non ter que celebrar...
—Iso sería o ideal, que fose o recordo de algo sucedido hai moitos anos, pero non é así.
—Será esta a primeira presentación deste libro, Guadalupe?
—Pois si, será a primeira, aínda que xa teño falado deste libro nalgunha ocasión anteriormente. Na deste luns, que será ás seis e media da tarde en Cee, estará presente o secretario xeral da Lingua, pois o libro está apoiado pola Xunta.
—Cal é o propósito do libro?
—A voz silenciada nace como un intento de dar voz a un problema que é de toda a sociedade, non só das mulleres que o padecen. É responsabilidade de todos combatelo, non chega con indignarse un só día ao ano.
—Quen é a protagonista?
—Pois falamos da historia de Felisa, unha muller vítima de violencia de xénero que, como moitas outras, o sofre en silencio. É un relato de vivencias, moi duras e moi complexas, no que o que pretendo é describir o ciclo da violencia de xénero. A miña amiga que escribiu o prólogo do libro, a psicóloga Guadalupe López Canosa, di que é habitual que se dea ese ciclo: que despois da agresión veña o arrepentimento do home, o que alimenta a ilusión da muller e axuda a explicar, polo menos ao principio, a continuidade da relación. No libro tamén falo do efecto desta violencia sobre os fillos, de como lles afecta no futuro, e de máis emocións, como o medo.
—Por que se achegou ao tema?
—Pois pareceume interesante. Non é que eu o sufrise, ou alguén directamente da miña familia, pero é un problema de toda a sociedade e pareceume importante facer este traballo.
—Quere que sexa un espello?
—Si, éo. Incómodo ás veces, pero é un espello no que algunhas mulleres se poden recoñecer, e no que se lles di tamén aos homes que hai voces que teñen que escoitar, pois a transformación da sociedade tamén precisa dos homes para levarse a cabo.
—Xa se pode conseguir o libro?
—Si, xa está nas librarías dende hai uns meses, coa editorial Toxosoutos.
—Como será a presentación?
—Ademais do secretario xeral, tamén estarán comigo a alcaldesa de Cee, Margot Lamela, e a prologuista do libro, Lupe López. E teremos un moi bo acompañamento musical, coa coral polifónica Costa da Morte, a agrupación Chan das Lamas e Miguel Vázquez, mestre de Música no Agra de Raíces, ao piano. Precisamente, no Raíces farei a segunda presentación, pero só para escolares.
—Divulgar nesas idades temperás, tamén moi importante.
—Hai unha cita que me gusta moito e que é moi profunda que di que «o neno é o pai do home», o que significa que o que somos hoxe vén determinado polo que vivimos na infancia. Os fillos son vítimas aínda máis invisibles que as mulleres, e cando vén esta violencia dende nenos despois, cando son adultos, non son capaces de distinguir o que está ben do que está mal.