Razóns para saír da casa o último día de novembro na Costa da Morte 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Bótalle aquí un ollo á axenda cultural e de ocio prevista para este domingo 30 

30 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Domingo 30 de novembro, fin de mes e xornada de feirón en Carballo. Día tamén de todas estas propostas na Costa da Morte:

Cee • Teatro • Da man do Outono das Artes da Deputación poderá verse hoxe ás 19.00 horas no auditorio Baldomero Cores a obra Profetas, de Ítaca Teatro. Baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio, lévase a escena unha peza pola que Ernesto Is, dramaturgo, obtivo o Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra de Ribadavia no 2021. Unha parella lembra vellos tempos: velaí o fío do que tiran.

Dumbría • Teatro • Pecha o Concello a programación do 25N, Día da Eliminación da Vilencia contra a Muller, coa peza teatral A cincenta que non quería comer perdices, a cargo de Sarabela. Ás 18.00, na Casa Cultural de Olveira. Acceso de balde.

Cabana | Vimianzo • Solidariedade • Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro celebra a súa 18.ª Comida Solidaria hoxe no restaurante A Lago de Vimianzo: a partir das 14.00 horas, con música e tamén sorteos.

Carballo • Exposición de Lego • O estudo Garabato presentará hoxe ás 13.30, en horario de sesión vermú, unha nova exposición, Festexando o Nadal con Lego, da man da creadora Wonderbricks. É unha mostra novidosa, dedicada a como se festexa este tempo en diferentes partes do mundo, todo coa temática Lego.

O Couto (Ponteceso) • Serán de convivencia • Continúa a Fundación Pondal co seu ciclo arredor do 25N. Inclúe para hoxe unha xornada de convivencia na Casa da Muller, das 17.00 en adiante. Co grupo teatral desta entidade, dirixido por Tamara Lema, a voz de Sara Varela ou a escenificación final de Teté Teatro. Rematarán cun petisco de doces compartido.

Dous fins de prazos • Este domingo 30 de novembro é o último día no que se poden enviar relatos ao certame de La Voz Contos de Nadal, dirixido a alumnado de terceiro e cuarto de primaria: eventos.carballo@lavoz.es. Remata tamén o prazo para participar no concurso fotográfico Luz na soidade, promovido polo Concello de Vimianzo.