Se os antigos cesteiros de Baíñas se reunisen ao abeiro dunha lareira estes días, habían falar de Ana Trasariz. Acaba de lograr o distintivo de Artesanía de Galicia e xa conta con esa impronta que teñen os grandes, como Sargadelos, Otero Regal ou Esther Ferreiro. O seu é o téxtil, argallar bolsos que acompañen a mulleres empoderadas no seu día a día, no traballo, na vida cotiá. Elixe coidadosamente as mellores teas e no seu taller, co ineludible mimo que só dá o feito á man, elabora estas pezas. A miúdo, admiro as súas creacións e penso no orgullo como pobo de ter a alguén que promove o artesán dende o local. Non é a súa única formación, Ana tamén é modista e ten deseñado ata vestidos de noiva. No noso pobo sempre houbo costureiras, mulleres que ían de casa en casa, itinerantemente aprendendo un oficio. Daquela a roupa que se vestía era tea feita patrón por unha especialista. Dificilmente podías ir a un evento e atopar unha persoa que vestise igual. Non había Zara, nin Mango nin calquera outra marca comercial de fast fashion. Dorinda da Praza ou Carmen de Benigna tiveron os seus negocios relacionados coa roupa no pobo. Foron precursoras. Ana é o seu legado. Os seus bolsos xa son unha marca recoñecida e de calidade por todos, demostrando que hai futuro, con talento e dedicación. No rural pódense asentar empresas e as artesás son tan poucas que deberían recibir máis apoios institucionais e públicos. O seu negocio ten un dobre fin: evidentemente o lucrativo, pero tamén o de crear pobo a través da tradición e da elaboración lenta, artesá. Un bolso de calquera marca coñecida resulta nada exclusivo, non obstante, os bolsos de Ana Trasariz son pequenos almeiros de emprendemento.