A 22.ª edición do certame ten premiados tamén en centros de Baio, Caión e Coristanco
14 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Xa hai resolución. A 22.ª edición do certame literario Contos de Nadal, convocado por La Voz de Galicia e Radio Voz co patrocinio de EDP Renewables, xa ten gañadores. Se no 2024 o primeiro galardón viaxaba ata o colexio Labarta Pose de Baio, este 2025 o texto que obtivo maior puntuación por parte do xurado é da autoría dunha alumna do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee: Vera Martínez Figueroa, estudante de cuarto de primaria. Ela fixo chegar ao certame un relato que titulou Un Nadal para lembrar, liñas arredor da falta dunha nai, das ausencias que pesan aínda máis nestas datas que en principio serían de festa.
Contos de Nadal é un certame que trata de tirar da imaxinación e do talento literario dos pequenos de segundo ciclo de primaria —terceiro e cuarto curso— de todos os centros educativos da Costa da Morte. Sempre hai para eles unha mensaxe: a constancia, que sigan traballando a escrita. É un bo exemplo a propia Vera, que xa no 2024 obtivera un cuarto posto con O axudante.
Tamén o segundo posto desta 22.ª edición do concurso literario se queda en Cee, no Manuela Rial Mouzo. É un traballo titulado O Nadal máxico de Alma e Manfred, asinado por Alma Bugallo Sánchez, estudante de cuarto de primaria. No seu caso, alíase a temática navideña, sobre a que han de xirar os textos, coa historia e rostros da Costa da Morte, na que o de Manfred Gnändinger, Man de Camelle, é absolutamente inesquecible. Para o colexio Labarta Pose de Baio, doutra banda, viaxa o terceiro premio, un texto que rubrica Olivia Álvarez Domínguez, de cuarto de primaria, gañadora no 2024 tamén dun terceiro galardón. En O desexo de Uxía están presentes as guerras, os sufrimentos dos máis pequenos e, tamén, a luz da amizade que se acende incluso no contexto máis escuro e difícil.
O pasar tempo xuntos en familia, o Nadal daqueles que se ven obrigados a vivir estas datas en hospitais e mesmo en soidade, praias e lagoas como patrimonio natural a defender, o exceso de teléfono móbil e tempo de vivencias que este rouba, o cancro infantil, as cantigas como lembranza daqueles que xa non están e mesmo a figura eterna de certos bibliotecarios son asuntos abordados polos restantes premiados. Do cuarto ao décimo galardón, por esta orde: Nara Jiménez Pedreira, do CEIP de Caión (A Laracha); Suhaila Saucedo Abanto, do colexio Alcalde Xosé Pichel de Coristanco; Sabela Lucero Senín, do CEIP caionés; Sofía Martínez Rey, tamén deste centro larachés; Eduardo Varela Collazo, do Alcalde Xosé Pichel; Lola Iglesias Miguéns e Biel Lestón Canosa, estes dous últimos do Manuela Rial Mouzo (Cee).
Máis de 170 traballos
Con máis de dous decenios de traxectoria, Contos de Nadal é xa un clásico entre os escolares cando chegan estas datas. Con todo, non deixa de subir a participación: este ano foron 176 os relatos que se fixeron chegar, remitidos dende centros educativos de once dos dezaseis concellos que, xunto con Cerceda, integran Bergantiños, Soneira e Fisterra.
A entrega de premios, o vindeiro sábado 20, ás 12.00, na biblioteca de Coristanco
Unha vez coñecido o fallo do concurso, e como xa é habitual, a entrega de galardóns farase no sábado anterior a Noiteboa. Por tanto, será este vindeiro sábado 20 de decembro. O acto terá lugar ás 12.00 horas na biblioteca municipal de Coristanco, emprazamento máis que acaído para seguir falando de soños e de creatividade na literatura. Non o tivo nada doado o xurado na súa escolla tendo que seleccionar unicamente dez textos de entre todos os enviados. Integraron o equipo encargado das valoracións Xosé María Varela, docente xubilado e presidente da Fundación Eduardo Pondal; María Paz Rodríguez, mestra tamén xubilada; Belén Edreira, libreira e blogueira literaria con espazo propio en Radio Voz Bergantiños; Xosé Ameixeiras Lavandeira, delegado de La Voz de Galicia en Carballo —Redacción que promove o certame— e Patricia Blanco, xornalista asemade en Carballo.
Os dez textos gañadores
- Primeiro premio. «Un Nadal para lembrar», de Vera Martínez Figueroa, alumna de 4.º de primaria do colexio Manuela Rial (Cee).
- Segundo premio. «O Nadal máxico de Alma e Manfred», de Alma Bugallo Sánchez, alumna de 4.º de primaria do Manuela Rial (Cee).
- Terceiro premio. «O desexo de Uxía», de Olivia Álvarez Domínguez, alumna de 4.º de primaria do colexio Labarta Pose de Baio.
- Cuarto premio. «Un agasallo especial», de Nara Jiménez Pedreira, alumna de 3.º de primaria do colexio de Caión (A Laracha).
- Quinto premio. «A pequena Noiteboa do cuarto 312», de Suhaila Saucedo Abanto, alumna de 4.º de primaria do colexio Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.
- Sexto premio. «A praia, un lugar máxico para Yeya», de Sabela Lucero Senín, alumna de 4.º de primaria do CEIP de Caión (A Laracha).
- Sétimo premio. «O Nadal sen teléfono», de Sofía Martínez Rey, estudiante de 3.º de primaria do CEIP de Caión.
- Oitavo premio. «O mellor agasallo de Nadal» de Eduardo Varela Collazo, alumno de 4.º de primaria do Xosé Pichel (Coristanco).
- Noveno premio. «As cantigas da avoa Maruxa», de Lola Iglesias Miguéns, alumna de 4.º de primaria do colexio Manuela Rial (Cee).
- Décimo premio. «A historia que Mon gardou», de Biel Lestón Canosa, estudiante de 4.º de primaria tamén do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee.