Luciano Calvo: «Non me imaxinaba que aquilo que escoitara na taberna fora improvisado»
CARBALLO
Gentes del Finisterrae | Os Premios Galegos da Regueifa chegarán a Carballo o sábado 10 de xaneiro
31 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A quinta edición dos Premios Galegos da Regueifa promovidos por La Voz de Galicia dende a súa Redacción de Carballo chegarán ao Pazo da Cultura o sábado 10 de xaneiro. Unha festa xa consolidada grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua, do Concello de Carballo e, por suposto, do patrocinio de Calvo-Nauterra, que preside Luciano Calvo.
—Apoiou esta iniciativa dende o seu nacemento.
—É que é unha cultura popular moi nosa, que hai que tratar de manter, apoiándoa constantemente da mellor maneira que para que non desapareza.
—Cales son os seus primeiros recordos da regueifa?
—Cando eu era pequeno levábanme coa moita xente que traballaba na fábrica a algunhas tabernas das aldeas. Non é que fosemos ver a propósito aos regueifeiros, pero si recordo un par de veces que, estando alí, vimos unha regueifa. Despois comentáronme que aquilo fora improvisado e eu non podía imaxinalo.
—Divírtelle?
—Si. O ano pasado gustoume moito que os rapaces pequenos xa estivesen máis ou menos metidos no tema e con ilusión, non o fixeron nada mal. E tamén hai persoas que se achegaron recentemente á regueifa, como Paco Felípez, que o fan moi ben. Deixáronme encantado. É un orgullo ver o nivel de Lupe e de Suso de Xornes, pero tamén ver este relevo e que cada vez haxa máis practicantes deste estilo de cultura.
—Que lle pareceu que votase o público?
—Está ben, foi divertido. Normalmente hai que ter coidado con estas cousas porque pode ser que o público sexa da mesma zona que o regueifeiro e xa só por iso tire máis por el, por iso está o xurado, que é xente máis entendida. Pero nos Premios Galegos da Regueifa do ano pasado non houbo ningún tipo de problema, porque ao final foi unha festa. E creo que se acertou, aínda que a final estivo moi igualada entre Suso e Lupe.
—Xaneiro consolídase como o mes da regueifa.
—Si, e está moi ben, é importante que a xente saiba cando vai cadrar xa porque así pode organizarse. O ano pasado veu xente de varios puntos de Galicia, e iso é algo moi a valorar, porque iso posibilitará que eses participantes tamén dinamicen cada vez máis a regueifa polas súas zonas, sendo cada vez máis os regueifeiros e regueifeiras en toda Galicia. O sábado 10 veremos xa ese crecemento en número, e a ver se en nivel.
—Hai un mes houbo outros Premios, os do Deporte, nos que tanto vostede como o Bergantiños e a empresa foron premiados.
—Estas iniciativas gústanlle moito á xente. O outro día houbo moi bo ambiente, co público aplaudindo e animando a cada deportista e tamén aos espectáculos que houbo. Foi moi fermoso. Isto sempre supón un enriquecemento tremendo para os veciños e veciñas. Sáense das actividades do día a día e son de agradecer.
—Comeza un 2026 no que deixará o Bergan. É por descanso?
—Non é por quitar traballo, senón por darlle á xente a posibilidade de presidir un club histórico como o Bergantiños, para que non se aburran de min, que xa levo 22 anos no club. Evidentemente, descansarei un pouco máis. É importante que non esteamos sempre os mesmos detrás.