Ángeles Pacoret, concelleira de Normalización Lingüística: «A arte da regueifa é algo moi singular»
CARBALLO
O sábado 10 de xaneiro celebrarase no Pazo da Cultura de Carballo unha nova festa desta cultura popular que o Concello apoia dende a área que xestiona
02 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Pazo da Cultura de Carballo acollerá o sábado 10 de xaneiro a quinta edición dos Premios Galegos da Regueifa, unha iniciativa de LaVoz de Galicia e co patrocionio do grupo Calvo-Nauterra, o Concello de Carballo e a Xunta de Galicia. Ángeles Pacoret (Carballo, 1970) é a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística na capital de Bergantiños.
—Será o seu terceiro ano neste cargo e tamén nos Premios Galegos da Regueifa. Como o vive?
—Sempre digo que xa parece como se estivese repetindo curso, entón as cousas xa van saíndo de forma máis áxil e eu voume encontrando máis cómoda en algo que era totalmente novo para min, pero no que comecei cunha ilusión que segue intacta.
—Rematou un gran 2025 no que á oralidade carballesa se refire.
—Si, seguimos apostando forte pola regueifa, tanto nos centros de ensino, onde estamos corroborando unha demanda crecente, como na Escola, que é un espazo aberto e interxeracional: se che apetece pasas e se te sentes cómodo, quedas. Seguiremos ao pé do canón, pelexando para que a nosa lingua sexa o eixo sobre o que se moven moitas iniciativas e actividades.
—Vostede atrévese coa regueifa?
—Non, non. É algo que me daría moita vergonza porque eu non teño ese sentido do humor nin esa creatividade envexable, axilidade mental ou dominio da palabra. Considérome totalmente incapaz, sobre todo por esa graza que hai que ter para conseguir interactuar co público. A arte da regueifa é algo moi singular, os elixidos son poucos. É moi complexo pola combinación de retranca e crítica social, pero é estupendo que a xente probe.
—Dicía o ano pasado que lle chegou a sorprender o amplo público que se achega á regueifa. Deixou de ser unha sorpresa esa demanda interxeracional?
—Non é que me sorprendese a demanda, pero hai casos que si chaman á atención. Este ano, por exemplo, estábamos nunha clase da Escola da Regueifa e hai veces que entran nenos que están xogando alí na Praza e vén luz nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. Era un neno castelán falante, entrou por curiosidade e non coñecía nada daquilo. Pero animouse a falar galego e coa regueifa.
—A lingua é unha prioridade na xestión municipal?
—Si, se nos temos que caracterizar por algo é polo noso amor pola lingua, defendéndoa e poñéndoa en valor. Dámoslle moito valor a detalles que poden parecer menos importantes, como que o primeiro contacto dos nosos funcionarios ca xente sexa en galego. Iso é fundamental, porque aínda segue arraigado na mente de moita xente que cando se acode ao médico ou a calquera outro servizo público, hai que cambiar ao castelán. Outro exemplo é o do proxecto Elos, de voluntarios que conversan en galego con persoas doutros países, de fala española ou non. É fantástico ver esa conexión entre dúas persoas que non falan a mesma lingua.
—Vostede é mestra. Que repercusión teñen no alumnado eses obradoiros de regueifa nos centros de ensino?
—Pois cada vez nos piden máis obradoiros, o que pasa é que temos o orzamento que temos e hai veces que non podemos cumprir esas demandas. Eu traballo no colexio Fogar, con máis de 700 alumnos, polo que é moi difícil chegar a todos. A nosa pretensión é que tódolos nenos e a mocidade tivesen nalgún momento un contacto coa regueifa, que experimenten esa forma de expresión oral. Que ao mesmo tempo, sen darse conta, porque eses obradoiros son diferentes xogos, están reforzando a súa competencia lingüística en contacto coa cultura galega, algo cada vez máis complicado.
—Como chamaría ao público para que se volva a encher o Pazo da Cultura?
—A todas as persoas, teñan a idade que teñan. Van ser unhas horas para gozar, rir e ver cousas que hoxe en día xa non son fáciles de ver. Van coñecer as horas de traballo detrás dos grandes regueifeiros e regueifeiras, pero tamén que hai futuro. Existe unha xeración que vén pisando forte. É un patrimonio cultural inmaterial que é obriga de todos manter. Ademais, é que estou segura de que todo o que vaia, vai pasalo moi ben.