O responsable da Xunta asistirá o sábado aos Premios Galegos da Regueifa, que se celebrarán en Carballo (18.00 horas)
06 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Un ano máis, a comarca de Bergantiños reivindicará o seu título de berce da improvisación oral dando cabida a unha nova edición dos Premios Galegos da Regueifa, iniciativa que fan posible La Voz de Galicia, Nauterra, Concello de Carballo e Xunta de Galicia. Precisamente dende esta última institución, e como xa vén sendo habitual, acudirá á cita (sábado, Pazo da Cultura, 18.00 horas) o secretario xeral da Lingua, Valentín García. Así o explicou en Radio Voz Bergantiños, un ano máis:
—Como arranca o ano pola Secretaría?
—Moi intenso para nós e moi importante, porque vai ser o do Plan Xeral de Normalización Lingüística que estamos a punto de rematar para que entre xa no debate parlamentario e político. Vai ser tamén o ano da aprobación dun novo nomenclátor e tamén moi importante nas tecnoloxías, onde mediante o proxecto Nós queremos xa difundir esas ferramentas que nos van permitir traducir o galego a tódalas linguas en tempo real. En definitiva, gañando futuro para a nosa lingua.
—Vostede é da Estrada, pero case da Costa da Morte. En menos dun mes pasou por Coristanco, Carballo e outra vez pola capital de Bergantiños. Xa busca piso?
—Teño tantos amigos e tanta xente que é como da familia. Creo que teño unha manobra xa de busca de vivenda, cando menos en certas temporadas. Bromas aparte, si me gustaría porque é unha zona preciosa que admiro moito e na que, sempre o digo, hai maior porcentaxe de galegofalantes sobre a poboación real e, polo tanto, que merece que o secretario xeral da Lingua teña moita presenza alí, claro.
—Como vive os premios da regueifa?
—Dunha forma moi intensa, fermosa, porque despois de todo é un espectáculo da lingua viva, espontánea e utilizada con mestría. Máis aínda cando se pon na categoría de arte escénica como se fai en Carballo. Regueifeiros de toda Galicia, pero sobre todo dos lugares onde máis se cultivou, actuando de forma conxunta recuperan un xénero que chegou a ser tan minoritario e que esixe de moita destreza para poder practicalo, porque a regueifa esixe preparación e posta en escena. Ten moitos condicionantes que non o fan o máis fácil do mundo e menos facer un festival nada menos. É unha festa da palabra, do diálogo, do desafío, pero que sempre acaba sendo motivo de concordia, de encontro. Eu creo que a regueifa, alén do que significa no ámbito lingüístico, ten tamén unha lectura social que é o tremendo poder da palabra, que cando triunfa non hai conflito. É fonte de entendemento, de conexión e tamén de desafío de debate...
—Vostede vaticinaba que o 2025 sería un ano de moita participación ao fío das Letras Galegas dedicadas ás cantareiras. As expectativas eran altas, pero superáronse.
—Na cultura pasa moito. Cando tocas a tecla axeitada no momento oportuno todo ten unha difusión e enorme. É como se prendese lume en todo. Coidar da tradición non é so custodiar as cinzas, é avivar o lume. Isto foi o que pasou o ano pasado. En toda Galicia enseguida prendeu esa ilusión, eses grupos de cantereiras, os coros. En todos os lugares hai unha tradición oral e popular, que reside no pobo. Iso é algo que nos identifica, co que gozamos, e isto foi o que pasou. Ten tamén moitísimas mensaxes como a importancia das mulleres na nosa sociedade, na Galicia rural, tradicional, mariñeira. Temos unha identidade fortísima, tremendos recursos a nivel asociativo, de institucións, do ámbito docente... Todo iso xuntouse nun ano que foi dunha euforia cultural tremenda con motivo das Letras Galegas
—Na Costa da Morte estivemos no centro.
—Si porque unha vez máis a Costa da Morte actuou como reserva dun xénero que hoxe pode parecer maioritario, pero hai 50 anos non se vía tan claro. As vellas de Mens fóronse pensando que esa tradición se perdía. A súa finalidade era conservar algo que non estaba escrito en ningún lado e que vían que desaparecía. Nin as mentes máis optimistas se atreveron a vaticinar a expansión.
«É como se a primeira vez que vexo un partido dun lado está Messi e do outro, Ronaldo»
Elevar o xénero da regueifa é unha das finalidades dos premios que haberá esta fin de semana en Carballo.
—Que lle parece formar de xeito académico na regueifa, ter un grao de regueifeiro?
—Non sei se tanto como un grao, pero si levalo ao mundo académico.
—Pasos se foron dando...
—Incluso escolas de oralidade, de música... A regueifa é un xénero que ten moitos compoñentes. Vai máis alá da lingua e esixe certa preparación e especialización. Se reside outra vez na oralidade ten asegurado o seu futuro en iniciativas coma estes premios, as escolas, certames... Eu recordo perfectamente a primeira vez que oín regueifar, que foi a Suso de Xornes con Lupe Blanco. Claro, é como si a primeira vez que vexo un partido está dun lado Messi e do outro, Ronaldo. A sensación que me produciu foi que era algo moi potente, moi forte. Eu coñecía o xénero e tíñao estudado, pero nunca o vivira el directo. Desafíos verbais existen en moitas culturas, é algo innato no ser humano, pero o xénero propio de Galicia faino dunha forma persoal moi forte e cunha improvisación que lle dá unha calidade tremenda.
—Moita mocidade entra no galego por esta vía.
—Claro, porque é moi atractiva. Aínda por riba sabemos que o desafío verbal, o vacile, forma parte da peculiaridade da comunicación verbal entre adolescentes.