Persoeiras

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

02 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba facendo a compra onte e pensei nas miñas peixeiras da cadea onde compro habitualmente. Pensei que elas poderían ser o cartel promocional de calquera campaña publicitaria. Son mulleres que levan máis dunha década traballando alí, cun sorriso que enche os corredores. Coido que o 8M representa ese tipo de mulleres: ao proletariado, ás traballadores, ás que coidan, ás de sempre. A miúdo, os medios poñen o foco en mulleres executivas coma se o éxito fose un cupo reducido. Non, señor. O éxito emana de todas as profesións, dende o sector primario ao terciario, onde diariamente se conquistan dereitos e se rompen teitos de cristal con forza. Nelas vexo a miña nai, que nos criou soa, vexo a tantas outras que conquistaron os seus respectivos eidos para que nós hoxe desfrutemos das liberdades actuais. Por desgraza, os feminicidios seguen enchendo as estatísticas e os informes porque, como mulleres, seguimos tendo que afianzar dereitos que xa críamos asentados. Pensemos que en todos os conflitos bélicos actuais as mulleres e os nenos son os colectivos máis coartados e damnificados. Non é algo casual, fixemos a vista en Afganistán, por exemplo. O mundo continúa a ser misóxino por antonomasia, é unha verdade que incomoda pero que é certeira. Demostramos un xénero que emana vida, que nos acubilla dende o primeiro minuto da nosa existencia. A min, gustaríame que se eliminase a publicidade, as cores rosas no 8M e se comezasen a facer políticas que nos protexan. Que se deixen os minutos de silencio baldíos, que de nada serven. Simplemente, que ser muller no século XXI, nun mundo extremadamente polarizado, non sexa un deporte de risco. Non pedimos nada máis. Xa non é pouco.