O 19 de marzo non só é a festa de San Xosé, día do pai, senón tamén unha xornada para mirar cara atrás e cara adiante. Cara atrás, para agradecer aos pais, avós e homes referentes que estiveron aí, traballando duro, acompañando, ensinando e facendo o mellor que souberon con aquilo que tiñan. Cara adiante, para entender que ser pai vai moito máis alá de traer o salario a casa. Celebrar San Xosé é tamén apostar por un modelo de paternidade no que os nenos e nenas medren vendo que o amor non entende de roles marcados.
Hai quen afirma que o ser humano masculino é, por natureza, un ser infinitamente necesitado de aplauso. Aínda que así o fose/sexa, non ten a súa graza pensar no conto aquel da muller das cavernas que, tras un longo día de traballo, ve como o home volve cunha peza de caza e pensa: «Ata que o sol se oculte, deixareille crer que é o amo do mundo»? Quita iso que moitos homes sexan xustos, como o modelo de san Xosé, digno esposo da Virxe e pai adoptivo de Xesús?
Son moitos os homes honestos, responsables, respectuosos que traballan con razón e agradecemento e que coa súa actitude contribúen a construír unha sociedade mellor para todos. «E tomei por avogado e señor ao glorioso san Xosé», dicía Santa Teresa, gran devota do santo. O meu recoñecemento este vindeiro día 19 a todos os homes que son ou procuran ser coma el, dando o mellor de si cada día. Que o exemplo de san Xosé, como home recto, cumpridor e cheo de amor, sexa o de todos os homes. Con corazón de pai: así amou el a Xesús.
A todos os homes, pais, avós, tíos, amigos que cada día se esforzan por ser mellores maridos, amigos, fillos, irmáns, tíos e pais deséxovos un moi feliz día!