A Lúa queda máis preto ca Cee

Juan Manuel Trillo Caamaño

CARBALLO

Unha imaxe tomada na AG-55, a autovía da Costa da Morte
Unha imaxe tomada na AG-55, a autovía da Costa da Morte ANA GARCÍA

A odisea galáctica das infraestruturas na Costa da Morte

03 abr 2026 . Actualizado a las 10:53 h.

Estes días a humanidade respira aliviada e marabillada mentres a misión Artemisa pon rumbo á Lúa. Un fito histórico, din os telexornais. Trescentos oitenta e catro mil quilómetros de nada, atravesando o baleiro insondable do espazo exterior, superados grazas ao enxeño humano. E mentres na NASA celebran con apertas e café de máquina que o seu foguete vai a velocidade de cruceiro, aquí, na Costa da Morte, un veciño de Dumbría suspira resignado tras levar vinte minutos chupando a roda dun tractor cargado de toxos na AC-552.

A Lúa xa é nosa outra vez, pero chegar a Cee por unha autoestrada ou vía de alta capacidade segue a ser ciencia ficción. Parece ser que a tecnoloxía aeroespacial avanza a pasos axigantados, pero a enxeñería de obras públicas galega debe estar baseada na velocidade do crecemento do carballo. Fai falla moita retranca para dixerir o abandono por parte das Administracións. En San Caetano e en Madrid deben pensar que, como a comarca se chama Costa da Morte e remata no FinisTerrae, se seguen botando piche cara o occidente, a maquinaria vai caer polo precipicio do planeta plano. Non hai outra explicación lóxica para este burato negro de investimentos.

Se comparamos os fitos da ciencia moderna co noso museo particular de promesas sen cumprir, a cousa daría para unha serie de televisión de varios capítulos

A autovía minguante contra o telescopio James Webb

O telescopio James Webb tardou o seu tempo en desenvolverse, si, pero hoxe permítenos ver galaxias formadas fai 13.000 millóns de anos. Na nosa terra, as cousas van a outro ritmo. A autovía da Costa da Morte (esa mítica AG-55) chegou a Baio no ano 2016 e alí dixo ata aquí, que estou cansada. Dende aquela, a prolongación ata Vimianzo e Cee converteuse nunha lenda urbana. A última grande conquista anunciada dende os despachos foi a licitación duns tristes 5,5 quilómetros... e nin sequera de autovía, senón dun corredor libre de peaxe. A este ritmo de execución, os nosos descendentes no ano 3000 chegarán ao hospital de Cee sen marearse xusto a tempo para ver ao sol converterse nunha anana branca.

O tren pantasma contra o rover marciano

A NASA ten cacharros do tamaño dun utilitario paseando polos cráteres de Marte, facendo fotos e recollendo pedras vermellas. Mentres tanto, a idea de que un tren de proximidade ou de mercadorías que conecte a Costa da Morte co resto da rede ferroviaria segue a ser un mito comparable ao do Vakner. Prometeuse tantas veces a chegada do ferrocarril a Carballo que os veciños xa non saben se rir ou chorar. Para cando a primeira locomotora pite en Dumbría, en Marte xa terán rede de metro.

O illamento marítimo e o saneamento das lúas de Xúpiter

Pero a cousa non queda só na terra firme, o noso illamento tamén é marítimo. Mentres a Estación Espacial Internacional ensambla módulos a 28.000 quilómetros por hora e os astronautas atracan as súas naves con precisión milimétrica, na ría de Corcubión levan lustros agardando por un porto deportivo ou un porto mixto que non acaba de saír dos papeis. Calquera día vemos a un iate de luxo amarrado a un piñeiro na praia de Quenxe.

E se miramos debaixo da auga, a ironía aumenta. A Axencia Espacial Europea manda sondas para atopar océanos subterráneos baixo a codia de xeo das lúas de Xúpiter. Na ría de Corcubión e de Camariñas, con todo, a misión é moito máis mundana pero igual de imposible: conseguir un saneamento integral en condicións que non colapse cando caen catro pingas. Resulta fascinante que sexa máis doado buscar auga a 600 millóns de quilómetros que conseguir que os nosos mariscos non teñan que facer un máster en supervivencia debido ás verteduras.

Perdidos no espazo: sanidade e telecomunicacións

Se tes un problema cardíaco na órbita terrestre, un médico dende Houston monitorízache as constantes vitais en segundos. Se vives nalgúns concellos da nosa bisbarra e necesitas un pediatra ou especialista, prepárate para encomendarte á Virxe da Barca. E se tentas pedir unha cita no Sergas por internet é posible que a túa conexión, se consegues tela, sexa tan lenta que, cando cargue a páxina web, o neno xa fixera a comuñón.

A Costa da Morte é unha terra de xente ruda, afeita aos temporais, á bravura do mar e a buscarse a vida. Amamos esta terra, esta esquina do mapa con tolemia, pero a paciencia ten un límite. O contraste é poético e doloroso: o goberno central gasta millóns na alta velocidade e a Xunta asina convenios rimbombantes, pero nós seguimos a ser ese curmán afastado ao que só chaman cando hai eleccións. E neste momento, o político de turno vén facer a foto, saca un mapa do peto, sinala co dedo cara o horizonte e di: «Agora si, para a vindeira lexislatura».

En Suíza, no CERN aceleran partículas a velocidades próximas á da luz, pero nos despachos de Santiago e Madrid conseguiron o fito contrario: a conxelación absoluta do tempo burocrático.

Mentres a misión Artemisa anda polo espazo, aquí seguiremos esquivando as fochancas e rezando para que o camión da madeira que vai diante decida apartar un pouco na recta de Berdoias. Igual vai sendo hora de deixarnos de manifestacións e comezar a mandar cartas a Cabo Cañaveral: «Houston, temos un problema: queremos ir tomar un café a Cee e non damos chegado». Ao mellor eles teñen algún foguete de sobra para levarnos ata Corcubión antes do ano 2050.