Memoria dun reencontro

Manuel Pereira Valcárcel A FERNANDO CABEZA QUILES | IN MEMORIAM

CARBALLO

Cabeza Quiles, nunha imaxe de arquivo tomada no ano 2016 en Carballo
Cabeza Quiles, nunha imaxe de arquivo tomada no ano 2016 en Carballo Ana Garcia

09 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecín a Fernando Cabeza Quiles na Estrada, natal para min, adoptiva para el, no curso 1966-1967, compartindo aulas no Grupo Escolar José Antonio, un nome delator dunha época infanda, hoxe transformado na biblioteca municipal Casa das Letras. Moi pouco despois, circunstancias da vida leváronme lonxe de Galicia, a Zaragoza primeiro e logo a Madrid. Estiven moitos anos sen saber de Fernando, até a súa aparición nos xornais, revistas, e, sobre todo, desde a adquisición do seu libro Os nomes de lugar. Entre os medios nos que colaborou estaba a revista Miscelánea histórica e cultural que publica o Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela. Haberá uns catro anos que nos reencontramos nunha das presentacións da Miscelánea aludida que teñen lugar polo Nadal. Falamos brevemente dos camiños das nosas vidas e foi unha sorpresa gratísima que el vivise en Carballo, pois é o meu concello paterno, desde a aldea de Sísamo. Deste xeito considerei que as posibilidades de encontros serían maiores. Como así sucedeu, pois ben na Estrada, ben en Carballo, coincidimos algunha vez máis. En Carballo, no verán do 2025 na caseta de Espiral Maior na Praza dos Libros, coa compaña cordial do común amigo Miguel Anxo Fernán Vello, naquela altura mancado polo finamento abrupto de Elisabeth, a súa compañeira de vida. Fernando asinaba exemplares do seu estudo sobre A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia e anuncioume un libro de relatos que estaba para entrar no prelo, á vez que me comentou que nun deses relatos sería protagonista un profesor, moi peculiar e de doada caricatura, do noso común pasado escolar estradense. Prometinlle mercalo, coa súa dedicatoria, na Praza seguinte. O referido libro resultou ser Defuntos e santos inocentes.

No Nadal pasado vímonos de novo en San Miguel de Barcala, aldea da Estrada, onde el falaba de toponimia. Saudámonos con cordialidade e volvémonos emprazar para o literario verán carballés. Mais non poderá ser ese encontro. A morte, moitas veces tan minuciosa no sufrimento e na degradación, sorprendeu a Fernando hai uns días de xeito precipitado e violento. No seu libro O mar vertical di a poeta Maite Dono: non todo o mundo ten a sorte de morrer do que tanto ama. É un consolo cativo, mais si que a morte escolleu para el o arrebato nunha das súas paixóns, o ciclismo. O próximo verán é un imperativo para min a visita á Praza dos Libros para facerme cos Defuntos e santos inocentes que xa non poderá estar dedicado pola súa man. Si estará a súa palabra transformada en narración, en eco, en memoria. Non todo pode morrer, hai lembranzas que non prescriben e seguen inesgotables o seu camiño. Con nós