Nenos bailaríns

Guadalupe Vázquez Formoso

CARBALLO

O venres 19 falei sobre nenos: sobre os nosos alumnos, que saíron polas portas dos colexios no último día de curso cos cadernos completos e levando ás costas máis que unha mochila.

Hoxe quero seguir falando de nenos, pero esta vez para alzar a voz contra unha realidade abominable que se vive nalgunhas partes do mundo: o Bacha Bazi —nenos bailaríns—. Trátase dunha práctica de explotación sexual de menores varóns en Afganistán, onde a subcultura da pedofilia representa unha das violacións de dereitos humanos máis horribles do mundo.

Estes nenos bailaríns proveñen de familias pobres e serven de «animadores» para homes poderosos. Ensínaselles a bailar con roupa feminina para os seus amos, que logo os fan participar nunha relación sexual. Cando a barba lles comeza a saír, o seu servizo xa non é desexado e aí continúa a súa tráxica vida, marcada polo dano e unha difícil reintegración na sociedade.

Nun Afganistán sen leis, e dado que os perpetradores son homes con cargos importantes no sistema corrupto, esta práctica está incluso institucionalizada. Por outra banda, os EEUU nunca quixeron intervir nos asuntos domésticos afganos. Trala invasión americana no 2001, membros do exército estadounidense afirmaron que cada vez que intentaban frear unha violación infantil, eran expulsados. «O mellor era facer a vista gorda ás atrocidades do país», clara evidencia de como a política provoca de forma directa violacións dos dereitos humanos en lugar de protexelos e loitar por eles.

Ningún neno debería padecer nunha prisión de silencio construída coas ruínas da inocencia roubada. Pero a inxustiza golpea aos vulnerables. Son vidas truncadas polo azar de ter nacido no lugar equivocado. Mais o maior perigo non é a maldade duns poucos, senón a comodidade de moitos, pois en cada man tendida está a semente do cambio. E a xustiza é un compromiso de todos.