Porco bravo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

A LARACHA

14 mar 2016 . Actualizado a las 22:24 h.

Os porcos bravos xa son os novos parias da comarca. Os pobres están desexando integrarse connosco, nas nosas vilas, aldeas, paseos náuticos e praias; convivir nos nosos galiñeiros e gozar das nosas leiras de millo, pero non facemos máis que botalos para fóra con todo tipo de requilorios.

Que se pelo da perruquería de Salvador, que se cedés, espantallos humanoides, gabias, pastores eléctricos e toda sorte de dispositivos. Nada funciona. Os que máis me gustan a min son os porcos bravos nadadores que ás veces chegan a Coroso, Cabío ou a Monte Louro. E virán do Ghidoiro ou Rúa?

«A terra bótase a nós», díxome unha vez un vello de Queiruga. Vostedes xa saben que os nosos vellos son, moitas veces, poetas inéditos. Estes xabaríns serían, pois, a vinganza da nai natureza, abandonada despois de séculos de sacarlle ata o fígado.

Segundo escapamos cara a costa, a montaña bótase a nós e mándanos a este exército porcino para demostrarnos que os límites entre o campo e a cidade seguen a ser difusos. Pódolles asegurar que na brava Escocia escoitáronme con envexa cando lle dixen que no Barbanza había non só lobos, senón tantos xabaríns que a principal discusión era se estufalos con fabas ou con patacas.

Se cadra, cheguemos a ese oficio que eu coñecín en Finlandia, preto do Círculo Polar Ártico: un funcionario municipal espanta-osos. Pasaba as noites berrando por un altofalante para manter a distancia da vila aos famentos plantígrados.

Pídome redactar o temario desas oposicións, chegado o caso.