José Manuel Verdía: «Agora compito para pasalo ben»

Caterina Devesa CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

BASILIO BELLO

Subiu por primeira vez á bicicleta con catorce anos e sobre ela segue gañando premios

18 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non durme coa bici, pero pouco lle falta. Porque a afección de José Manuel Verdía (Caión, A Laracha, 1976) polo ciclismo de montaña e en especial polo descenso BTT (unha das disciplinas más duras) levouno a sufrir moitas lesións, pero tamén acadou moitas ledicias Agora, co paso dos anos, di que aprendeu a relativizar e non deixa que os resultados dos campionatos lle afecten.

-Foi un veciño, Alfonso Grela, o que lle meteu o gusto pola bici.

-El simplemente é un amante da bici e da natureza, non competiu nin nada. Era Policía Local en Culleredo, e penso que nos quixo dar unha saída diferente, xa que nos 80 moitos acababan na droga. Eramos trece rapaces os que íamos con el os fines de semana .

-Algunha vez se arrepentiu de facerlle caso?

-Hai veces que si (risas). Sobre todo coas lesións, que dis ti: ‘Quen me mandaría a min?' Pero ao final é como todo. Moita xente pregúntame que cando vou parar, pero non o sei. Gústame. É como a quen lle gusta ir tomar algo cos amigos e está esperando toda a semana para ese momento, pois eu igual coa bici.

-Como comezou a competir?

- Veu rodado, sempre me gustou a prensa especializada e dixen que algún día quería facer iso. Vaste metendo e cando te das conta levas 30 anos coa bici.

-Son moitos anos, recorda a súa primeira competición?

-Levo dende os 14, e competindo dende os 21. Dende hai tres anos estou con Ciclos Quintena, axúdanme co tema do material e a mecánica, somos unha familia.

-A súa familia apoiouno?

-Eles teñen medo por ti, polas lesións. Sempre pelexan contigo e estanche encima con que teñas moito coidado. Aínda hoxe en día me insisten, pero co paso dos anos vano aceptando e saben que as lesións son parte do xogo.

-A vez que peor o pasou?

-Pásalo mal despois da carreira, cando ao mellor contabas cun resultado e non o consegues. O último campionato de España que corrín, nas clasificacións estaba moito por encima dos da miña categoría e ao final saín desconcentrado e funme nunha curva, logo chegas abaixo e dis: ‘como me pode pasar isto despois de tantos anos?'. É moi complicado.

-E as lesións?

- Sentes angustia e no momento tes que enfocarte na rehabilitación para poder volver.

-Que precisa este deporte?

-Penso que para todos os deportes de competición hai tres cousas básicas: a cabeza, o físico e a técnica. Se fallas en calquera desas tes que corrixilo e traballar máis. Hai moitos que son moi bos porque teñen boa técnica, pero no momento que teñen que botarlle máis horas déixalle de gustar, porque deixa de ser divertido. Moitos rapaces que ían para promesas profesionais chega un punto que abandonan, porque son moitas horas e tes que estar cen por cen comprometido. Hai que buscar o equilibro.

-Acumula moitos premios, a cal lle garda especial cariño?

-Cariño a todos, pero para min foi moi especial o campionato do Mundo Máster de Andorra. Chegaba no último ano da categoría, entón pelexaba con xente que tiña cinco anos menos ca min e quedei de quinto. Logo, os máis especiais son os de preto da casa porque ves que todo o mundo está feliz por ti, é moi reconfortante.

-Dixo que agora xa non lles da tanta importancia?

-Si porque o problema é cando che afecta no teu estado de animo. Cando é un bo resultado estás contento e non analizas todo, pero cando é malo dáslle voltas e voltas e non o podes tomar tan en serio porque é unha afección. Por sorte, hai uns anos dinme conta diso e deixei de prestarlle tanta atención, aínda que é obvio que no momento que compito gústame gañar. De feito, unha vez un amigo díxome: ‘Que che pasa, tío, que ganaches, tes que estar contento!'. E eu contestei: ‘si, pero é igual que se perdera'. Non pode influírche tanto porque senón repercute negativamente

-Cal é o seu obxectivo agora?

-Pásalo ben, entón intentas que os obxectivos vaian da man de carreiras. Fun cun amigo ao mundial de Canada, que é un pais que sempre me chamou a atención, e foi a oportunidade perfecta para descubrilo e, de paso, competir.

-Turismo de competición?

-Tal cal. Teño ido correr a Eslovenia, chegar, correr e volver, e é unha malleira. Estás en tensión, é agora vou, fágoo o mellor posible, e logo, gozo.