Da música «tradicional do país» á electrónica: seguen os Rueiros de Caión

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

P. BLANCO

Fransy, David e Cibrán deixaron o domingo unha fermosa noite. Hoxe será tarde de Xackal

23 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Moito tería que pesar a borraxeira e a chuvia fina, que a houbo, para que Fransy, Davide e Cibrán non conseguiran mobilizar ao público en Caión. Eles pecharon a xornada do domingo no programa Rueiros da Vila, que segue en marcha ata este vindeiro 28 de agosto. «Música tradicional do país» foi desfilando así polo escenario Patio en forma de pezas como a «jota dos Ancares», dedicada aos amigos Oliver e Aida, desprazados para a ocasión, o canto de arrieiro de Brandoñas (Zas) ou o maneo de Caión, no que houbo sorpresa, voces e pandeiretas de mozas locais. A Fransy «o aire do norte», como ela mesma dixo, leváralle algo do seu instrumento, a voz, pero aínda así deixaron unha desas noites de maxia á beira do mar (literal). Tanto, que pasada a unha da madrugada, na outra punta da vila, seguía a foliada. Non faltou quen bailase, nin no concerto nin despois, unha actuación capaz de xuntar ás idades máis temperás co público xa máis veterano.

O ciclo Rueiros da Vila, de iniciativa e financiamento municipal, por parte do Concello da Laracha, arrincou este pasado sábado. Serán nove días de actividades repartidos en catro escenarios. O Patio, de par da igrexa Santa María do Socorro, despediuse onte con MaCheta Supah Sound, mestura de estilos jazz, funk, blues ou rock con ritmos da África occidental. Hoxe, a actividade trasladarase ao Escenario Rueiro das Figueiras, ao mirador con vistas ao porto. Actuará alí ás 20.30 Xackal, unha banda na que conflúen a música electrónica coa vitalidade das percusións. Son iniciativas sen custe para o espectador. Rueiros da Vila pretende ofrecer en Caión un programa cultural específico nun mes como é agosto, pleno de visitantes, mais tamén dirixido ao público local.