José Carballido, mestre roqueiro: «O galego ten algo especial para o rock»

A. Lestón / P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

A viva voz | A banda A Sombra dos Soños, con dous docentes do colexio de Caión, actúa mañá na «casa», nos Rueiros da Vila: 21.30, Escenario Patio, gratuíto

25 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A localidade larachesa de Caión acolle dende a pasada fin de semana o programa cultural Rueiros da Vila, xa na súa terceira edición. Seguirá hoxe, mañá e domingo. Catro escenarios distintos, todos ao aire libre, con vistas ao mar, e todo de balde, gratuíto. Será o de mañá, sábado, un día da casa, porque cando menos dúas das actuacións teñen vínculo co municipio. A primeira, a de Daniela Montes, moza larachesa participante en La voz Kids. A segunda, ás 21.30, A Sombra dos Soños, banda liderada por José Carballido. Xa teñen dado algún concerto no que vai de verán, mais este de Caión será especial, porque é, en certa medida, casa. Falou José onte en Radio Voz:

—Coñéceno xa dende hai tempo como «o profesor roqueiro de Caión». Profesor é, xustamente no colexio desta vila, roqueiro tamén e de Caión podemos dicir que cando menos un pouco. É así?

—Totalmente. Vai haber xa sete anos que estou no colexio de Caión e dende o principio sentinme súper ben acollido. As familias son marabillosas e os nenos son incribles. Así que estou feliz alí, non o cambio, eh!

—Como lle senta ese título de profesor roqueiro entón?

—A min gústame, e faime graza. Quizais reduza un pouco a miña bagaxe musical, pero entendo que tamén é o que máis se ve. Penso que ten gancho [ri].

—A Sombra dos Soños é un proxecto integramente en galego. O seu primeiro disco, «I», saía a inicios de maio. Cóntenos máis.

—A Sombra dos Soños é un proxecto que decidín facer, efectivamente, integramente en galego, porque se ben é certo que cada vez hai máis música nesta lingua, exactamente este tipo de rock, ou de hard rock, non é tan habitual. Hai moito rock que si bebe do que viña sendo o bravú antes, pero este estilo, que é se cadra un pouco máis dos 80, non é tan habitual en galego. Apetecíame facelo porque penso que na nosa comunidade precisamos diversidade de estilos, diversidade de música, na nosa lingua. É fundamental, e véxoo moito nos nenos. Estamos nun momento no que as redes están maioritariamente en castelán, e a música e a meirande parte dos produtos culturais que se consomen son en castelán. Temos que loitar un pouco contra iso, ter algo propio no que se inclúa tamén a lingua. Este proxecto empeceino no 2020, compuxen seis dos catorce temas en tres meses, e dende aí á gravación e a sacar o disco... Estas cousas van lentas.

José Carballido, en el centro de la imagen. José Roca, segundo por la derecha
José Carballido, en el centro de la imagen. José Roca, segundo por la derecha

—A que se deben nun artista eses novos apetitos, sensibilidades diferentes, cambios de estilos?

—No meu caso vén porque a música escolar que fago, as cancións que compoño para Caión e antes para outros colexios, foron sempre en galego. O galego ten algo moi especial para o rock. Hai moita xente, por exemplo, á que non lle gusta o rock en castelán, que o prefire en inglés, porque lle soa mellor. Co galego pasa algo similar, é ben acaído, fai soar mellor. E logo desa traxectoria escolar apetecíame facer algo para adultos, e na nosa lingua tamén.

—Falaba antes de rock ou hard rock, pero tamén hai algo de folk ou mesmo de tradición en A Sombra todo Soños. Como conseguen que se ensamble todo?

—Neste caso é sinxelo, pola instrumentación que levamos. O disco é ecléctico, busqueino así, a min mesmo me gusta escoitar variedade. Os tempos de atención son curtos hoxe, non vou vivir da música, así que me interesaba un disco diverso, no que a unidade vén a través dos instrumentos: batería, teclados, baixo e guitarras eléctricas ou acústicas dependendo do tema. Dentro desa unidade acústica temos a diversidade estilística do rock. É un verniz que fai que esas madeiras diferentes parezan semellantes.

—Falamos de letras intimistas. Que é o que nos queren contar?

—Cando me poño a escribir procuro dicir cousas, contar cousas que teñen que ver co ser humano, mensaxes universais que se se escoitasen hai 150 anos terían sentido, e que se se escoitasen dentro duns 300, seguiríano tendo tamén. Ou 12.000 anos. As emocións do ser humano non varían.

—Vostede é docente de música. Que lle aporta a música aos pequenos?

—En primeiro lugar, felicidade. A música, no meu caso, axudoume toda a vida, incluso en épocas digamos malas como a adolescencia. Lembro chegar do instituto, agobiado ou triste, coller a miña guitarra, cantar un tema tamén triste, e o meu estado de ánimo cambiaba. Se lles podo dar a eles unha pequena ferramenta para que sexan máis felices e capaces de xestionar as súas emocións, xa me dou por satisfeito. Ademais, está demostrado que funciona moi ben para a neuroplasticidade, as conexións neuronais son diferentes a se non fixesen música. Podemos dicir que os fai máis intelixentes, pero xa o mero feito de ter unha actividade que se poida gozar en si mesma e ademais facer en conxunto é tremendamente importante.

—Outro dos integrantes de A Sombra dos Soños é José Roca, director do propio centro caionés. Compañeiros dentro e fóra.

—Efectivamente, e lévase moi ben. José é un director dos de agora, un director con moi bo carácter, moi dialogante, que sempre está procurando que os mestres esteamos ben. Os dous temos un carácter botado para adiante e danse situacións moi simpáticas no cole, a verdade.