Xabier Díaz en Paiosaco: un canto á tradición da Laracha e de Bergantiños
A LARACHA
O músico subiu ao escenario ás tres agrupacións tradicionais do municipio e á colaboradora Consuelo Puente
09 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Sempre serás benvido ao lugar que foi a túa casa durante moitos anos». Esta e moitas outras mensaxes deixaron os internautas nas redes sociais logo dun dos concertos máis especiais que se recordan en Paiosaco. Falaba este usuario de Xabier Díaz, que xunto con Adufeiras de Salitre pechou este domingo a programación da Festa das Cereixas. A de Xabier e as Adufeiras é unha unión xa case que indivisible, e xuntos interpretaron un repertorio consistente nunha vintena de pezas, tanto do seu último traballo, Axúdame a sentir, como de producións anteriores.
Non obstante, e como el mesmo vaticinaba nunha entrevista en Radio Voz Bergantiños, a actuación do domingo estaba chamada a ser especial. Memorable. Primeiramente, porque convidou ao escenario ás tres agrupacións tradicionais do municipio. «Vamos darnos o gusto de subir ás agrupacións folclóricas deste marabilloso pequeno país chamado A Laracha», dicía o propio artista ao pouco de comezar. «Estarán todas enriba do escenario, asinando unha sorte de armisticio: non hai Barça, nin Madrid, nin Celta, nin Dépor», bromeou Xabier.
Soou Voa o aire e Maneo náufrago antes de que o acompañasen os primeiros convidados da noite. Non eran outros que integrantes da entidade Santa María de Torás, cos que interpretou No salón das cereixas, esa peza recollida da eterna memoria de Consuelo dos Queixos. Máis adiante, os de Torás bailarían o Maneo de Vilaño, mentres que Arume de Caión danzaría ao son da Rumboia viva. Tentenublo foi interpretada coas voces de Queiroga de Paiosaco, que tamén bailou, xa nos bises, ao son do Baile de Noró. Voces de Arume, por último, subiron ao escenario para interpretar Xota Dolira.
Porén, as sorpresas non acabaron aí, pois o músico tamén subiu á colaboradora e informante Olimpia Puente, que, entre vítores, interpretou unha peza a pandeireta.
Foi, en definitiva, unha noite de honras á tradición larachesa e bergantiñá.