José Manuel López, alcalde, sobre las fiestas de Torás: «A miña prioridade é que os veciños gocen delas»
A LARACHA
O rexedor larachés valora «de forma moi positiva» o papel das comisións polo traballo que desenvolven como «elemento dinamizador» do Concello da Laracha durante toda a tempada estival
15 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Licenciado en Maxisterio, José Manuel López Varela (1961) accedeu á vida política municipal en 1987 e é alcalde da Laracha dende 1999.
—Como gozaba das festas cando era rapaz?
—Supoño que coma a maioría dos rapaces da miña época. En nacín en Cabovilaño, das grandes parroquias do Concello. Sempre fun ás festas parroquiais, pero as que se celebraban na capital municipal eran as máis grandes. Tiñan as atraccións, verbenas e as orquestras máis importantes. En cada etapa da miña vida, e supoño que para o resto da xente, as vivezas son diferentes. Lembro cando era novo que as festas eran sinónimo de estreo de roupa, de reencontros familiares, con amigos aos que ao mellor levabas tempo sen ver, de estar coa pandilla. Tamén, como é lóxico, percíbense os cambios nas festas entre o que había hai anos e o que se ofrece agora, que é moito máis variado. Na miña época de neno recordo que todos queriamos ir á verbena porque era case o único que había. Non había as atraccións que hai agora.
—Tamén se podía chegar máis tarde a casa.
—Bueno, o de chegar máis tarde a casa.... Os temas dos horarios sempre foron motivo de conflitos entre pais e fillos. Son o primeiro que teño que marchar e os demais quedan aí, na festas? Esa foi sempre a cuestión. Pasou cos avós, os fillos e agora cos netos. Sempre será moito de conflito, ben entendido.
—Como goza máis das festas, como alcalde ou como veciño?
—Sempre hai un remexido. Polas miñas responsabilidades como alcalde hai que estar moi pendente de que todo sae ben, en materia de seguridade, de horarios, de cumprimento de normativas... Pensando en que haberá aglomeracións de xente. Preocupación como alcalde de que non haxa incidencias e se as hai, podelas resolver á maior brevidade posible. Tamén hai un traballo previo ás festas. Colaborar na organización, facilitar as axudas e subvencións, complementar as festas con actividades coordinadas dende o Concello e tratar de acadar o mellor programa en colaboración coa comisión de festas. Fóra do meu papel de alcalde tamén estou como un veciño máis, gozando das festas cos amigos, das verbenas e participando nas comidas familiares.
—Que é o que máis valora do cartel?
—O máis importante é que a xente faga unha boa valoración de todas as actividades que se están a organizar e ver que a xente participa e goza. Para min é o máis importante. A satisfacción máis grande. E a título particular, procuro participar en todos os actos que me sexan posibles. Ir ás verbenas, aos fogos artificiais, por certo, das cousas mellor valoradas entre os veciños da Laracha.
—Son as da Laracha as festas dos reencontros?
—Sen dúbida. Son datas de reencontros das familias. As da Laracha son as máis concorridas en plena época de vacacións. Moitos regresan á Laracha para xuntarse coas familias. Tamén ocorre no meu caso, algún amigo que me chama para preguntarme se ando pola Laracha para vernos e tomar algo xuntos. A verdade é que son momentos de emoción e de alegría.
—Como valora o papel da comisión de festas?
—Hai que valorar de forma moi positiva o traballo que desenvolve ao longo de todo o ano. Un traballo moitas veces ingrato, pero que é compensado cando a xente valora de forma positiva o cartel e os programas de actuacións. Este agradecemento é extensible a todas as comisións de festas da Laracha polo papel dinamizador que desenvolven no Concello durante todo o verán. É un traballo moi complicado, como o da recadación de fondos para sufragar as festas. Deseñar un programa variado pensando en todos os veciños. Non sempre é todo tan doado.
—Que lle parece o cartel deste ano das festas da Laracha?
—Creo que é un bo cartel, variado e pensado para todas idades. Tendo en conta que son as festas do 15 de agosto, o día grande en Galicia para os festexos. Tamén son das máis caras porque todos queren contar coas mellores orquestras e iso supón un sobreesforzo económico.
—Nos últimos meses, o Concello da Laracha denunciou danos no mobiliario urbano e certos comportamentos incívicos, na maioría dos caso protagonizados por rapaces.
—Quero lembrar o acontecido nas dúas últimas festas parroquiais, en Vilaño e Caión. É inconcibible que haxa xente que sae da casa para divertirse coa pandilla, cos amigos e que ao final se converta todo en actos vandálicos, danos ao mobiliario urbano. É un pouco triste e vergonzoso. Tamén invito aos veciños a que denuncien estes actos e aos seus responsables ante o Concello. De forma anónima se queren. Sen problema. Pero que os denuncien. O que hai que deixar claro que aquelas persoas que rompan farolas, bancos, mesas, contedores papeleiras... Pagarán por eses danos. Estas actuacións non poden quedar impunes porque a alternativa e que eses desperfectos os teñamos que pagar todos os veciños, o cal é inxusto. E tamén hai que deixar moi claro que os cartos destinados á reposición de material no se poderán investir noutras cousas que tamén son prioritarias para os laracheses e larachesas. E con respecto ao civismo, non custa nada tirar o lixo nun contedor ou nunha papeleira. É un simple xesto, pero que beneficia a todos os que gozan das festas, pero tamén facilita o traballo ás persoas que, día tras día, se encargan, dende ben cedo, de deixar todo limpo para a seguinte festa, que comeza poucas horas despois. É vergonzoso e triste ver botellas tiradas polo chan no campo da verbena, nas estradas, nas cunetas. Por iso aproveito para pedir un pouco de civismo. Son consciente de que podo estar a predicar no deserto, pero como sociedade algo temos que facer. Un pode pasalo ben, sen ter que romper nada nin tirar o lixo ao chan.