Josecho, a peza clave das festas da Laracha: «Vexo á xente animada, e iso é o que che dá alegría»

A LARACHA

Ten colaboradores, pero el é o eixo da organización das celebracións de Torás. Así fala o veterano dinamizador, único integrante da comisión
15 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.José Ángel Campos, Josecho para todo o mundo, é a alma, o corpo e todo o que se lle queira engadir da comisión, porque a integra el só. Naturalmente ten quen lle bota unha man en diferentes cometidos, pero o peso organizador lévao todo el. Confesa que lle gustaría pasarlle o relevo a outros, especialmente se son máis novos, pero non é sinxelo. Ten 58 anos, a poucas semanas dos 59, e leva 13 anos participando na comisión de Torás, un dos núcleos máis importantes de toda a Costa da Morte e tamén do entorno do municipio da Laracha. Durante a entrevista confesaba que estes últimos días son tremendos, polo intenso do labor e de pechar todos os detalles.
—Moito traballo para unha persoa soa.
—A ver, teño un par de compañeiras que me axudan, pero como comisión en si, estou eu. Hai sempre quen bota unha man. Pero é certo que os rapaces novos parece que se cansan.
—O que non se cansa é o maior de todos.
—Pois parece que non [ri]. Como me di a xefa, ou es masoquista, ou non sei.
—Cos anos que leva, polo menos xa lle ten collido o truco.
—Si, pero traballo sempre dá, sobre todo agora ao último, cando xa van chegando os días das festas. Non me preocupa, porque as do ano que vén xa as teño pechadas, e iso sempre é un alivio. Mesmo o fixen antes de que empezasen estas, hai que andar con tempo. E dúas orquestras boas xa as collín.
—Coma o ano pasado, que máis ou menos por este tempo pasaba o mesmo.
—Exacto, creo que é a mellor maneira de facer as cousas. Tamén fora polo mes de xullo, agosto ou por aí. É que se non é moi complicado.
—Tamén o é se non hai cartos. O Concello aportaba o ano pasado 50.000 euros. Seguen con esa axuda?
—Si, mantense. É fundamental, pero tamén se recadan fondos por outras vías. Unha delas, a de cada ano, é a revista, que ten 55 páxinas. Precisamente estes días ando con ela, entregándoa nos comercios. E tamén veciños, e xente voluntaria e anónima, tamén participan e colaboran. Hai un número de conta aberta na caixa de aforros no que se fan as aportacións. Neste punto teño que agradecer a colaboración do párroco da Laracha, que nos bota unha man forte, xa que nas misas lembra sempre que hai esa conta. E está a cantina tamén, cun rapaces que botan unha man.
—O tema económico tamén cambiou moito na contratación das orquestras, non lle parece?
—Algo, si. O sistema de pago obriga a ter máis control ca antes. Eu creo que cambiou para mellor, non para peor.
—Por que lle parece que non se anima a xente nova a poñerse na comisión? Noutros lugares si que o fan.
—Si, pasa sobre todo no centro urbano da Laracha porque por outras parroquias da volta si que se mete xuventude. Non sei, Vilaño, Sofán, Soandres... Por dicir algúns, si hai bastante rapazada. Aquí custa, e a min gustaríame que se animasen a falar comigo e a dicir que queren coller. E se o fan, eu xa lles entrego o bastón. Explícolles o tema e xa hai relevo asegurado. Pero ten que haber quen queira.
—Que lle comentan do cartel? A xente está contenta?
—Sinceramente: moita, moita xente díxome que, a maiores da Olympus, o último día, que son orquestras coas que se pode bailar, non de mirar cos brazos cruzados. Máis baile e menos espectáculo. Vexo á xente animada, e iso é o que che dá alegría. E tamén agradezo aos que me din que, se non é por min, isto desaparece.