A Laracha elixiu as mellores postais deste Nadal 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Xa se coñecen os gañadores do concurso deste ano. Os premios: este venres 20, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura

19 dic 2024 . Actualizado a las 23:20 h.

Entrega de premios este venres 20 ás 19.30 • Xa ten gañadores o tradicional concurso de postais de Nadal organizado polo Concello da Laracha e dirixido a alumnado dos tres colexios de infantil e primaria do municipio: Caión, Alfredo Brañas e Otero Pedrayo. Reunido onte o xurado, e integrado por persoal técnico municipal e membros dos equipos directivos, seleccionáronse os mellores traballos nun total de catro categorías, en base a criterios de orixinalidade, creatividade e composición. A recompensa a este esforzo serán xogos, libros e material educativo e didáctico, galardóns que serán entregados este venres 20 na Casa da Cultura: ás 19.30 horas.

Na categoría A, correspondente a educación infantil e sendo neste caso premios de carácter colectivo ás aulas, as postais elixidas foron, nesta orde, a de educación infantil do CEIP de Caión, a da aula de 5.º A de infantil do Otero Pedrayo e a de 6.º B deste mesmo centro. Na categoría B —primeiro e segundo de primaria—, os gañadores foron Nara Jiménez (Caión), Augusta Sabela Lorenzo (Otero Pedrayo) e Ana Abelenda (Alfredo Brañas). En terceiro e cuarto de primaria (categoría C) subiron ao podio Valeria Rojo (Caión), Leo Monter (Otero Pedrayo) e Xela Torreiro (Alfredo Brañas). Venceron na categoría D (5.º e 6.º) Mía Jiménez (Caión), Iker Rega (Alfredo Brañas) e Noa Castiñeira (Otero Pedrayo).