A Laracha promociona a lectura entre o público miúdo con outra edición de «Outono de contos»
A LARACHA

Malasombra abrirá as propostas o vindeiro 10 de outubro, na Casa da Cultura da capital municipal
04 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Sendo xa un clásico da programación municipal de A Laracha, volverá este outubro unha nova edición do ciclo Outono de contos. A iniciativa ten un dobre fin: por unha banda, ofrecer ao público infantil e familiar unha proposta de ocio, e, por outra, tratar de introducir nos máis pequenos o gusto pola literatura infantil, favorecendo por tanto o hábito lector. Así pois, este Outono de contos traerá ao municipio bergantiñán catro citas, repartidas entre os principais núcleos urbanos.
A primeira parada, 10 de outubro ás 18.30 na Casa da Cultura da Laracha, será con Malasombra Producións e o seu espectáculo As peripecias de Xurxo, para asistentes a partir de tres anos. É unha comedia que toca o maltrato, o acoso, pero tamén a empatía, o respecto e a amizade.
Tomará o relevo Caión, o venres 17 ás 18.00 no centro sociocomunitario, con As aventuras de Mariña, de Galeatro, para maiores de tres anos: narración oral, teatro de monicreques e, de fondo, a loita contra a contaminación. Contos de caverna, de Lila Teatro, chegará o venres 24 ao centro sociocultural de Paiosaco (18.00 horas) e Cucú-tas-tás, de Barriga Verde, o domingo 26 á biblioteca da Laracha (12.00 horas, para bebés). Colabora co Concello a Xunta, a través do programa Ler conta moito.