«Fun a primeira muller que dirixiu unha escavación arqueolóxica»

CABANA DE BERGANTIÑOS

Romero, que acaba de publicar a biografía de María Barbeito, no instituto Monte das Moas.
Romero, que acaba de publicar a biografía de María Barbeito, no instituto Monte das Moas. césar quián< / span>

Coordinou durante dez anos os traballos do Castro de Borneiro

16 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Corrían os anos oitenta cando, un día, chegou unha muller cun fouciño na man ao Castro de Borneiro (en Cabana) e dixo: «Quero falar co xefe!». Os que estaban alí contestáronlle: «É aquela señora», por Ana Romero Masiá, a directora da escavación arqueolóxica. E a señora contestou: «Non, non. Eu quero falar co xefe-xefe!». 

-Con este tipo de cousas aínda teñen que lidar hoxe moitas mulleres, pioneiras como vostede.

-Aquel día, en Cabana de Bergantiños, e para calmar á señora do fouciño, tivo que facerse pasar por min o meu home, Jose Manuel Pose Mesura.

-Aínda está recente o pasamento do que fóra delegado do Goberno en Galicia. ¿Comprácelle a homenaxe póstuma que lle está a render a cidade?

-Moitísimo. [Emociónase] Aínda é duro. Sempre me sentín moi apoiada por el. Eu fun a primeira muller que dirixiu unha escavación arqueolóxica en Galicia, pero non podería telo feito se non fose por el. E por riba vivo na rúa Posse!

-Como para non se acordar del todo o tempo.

-Claro, claro. [Agora si, risas]

-Logo de dirixir a escavación do Castro de Borneiro, vostede pasou a converterse en Catedrática de Xeografía e Historia no IES Monte das Moas da Coruña.

-Si. Foi logo de sacarme o doutoramento cunha tese sobre a cultura castrexa.

-Durante os últimos anos ten publicado unha morea de obras sobre todo tipo de temas, desde la historia da fábrica de tabacos da Coruña ata a biografía de Severino Chacón.

-Falou Chacón, ben falado está!, dicíase na Coruña. Sempre me chamou a atención este personaxe. Púxenme con el e resultou ser o líder sindical organizador do mundo do tabaco en toda España.

-E agora acaba de sacar unha nova biografía: María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970). É raro que non estivera feita xa, porque é a primeira que ve a luz sobre a pedagoga coruñesa.

-Si. Hai unha tesina feita, pero non unha biografía completa ou medianamente ampla dela.

-¿Foi complicado atopar a documentación?

-Non demasiado. A familia cedeu o arquivo persoal ao Arquivo do Reino de Galicia. María tiña unha irmán, Faustina, que se dedicou a recortar toda canta noticia saía dela no xornal. Había caixas e caixas de documentación.

-¿Dixéronlle no Arquivo que era a primeira persoa que se metía a mergullarse neses papeis?

-Si. Non entendo como non se metera ninguén antes con isto. Foi unha muller innovadora, un referente para todos os mestres. Viñan de toda Galicia a ver como traballaba ela nas aulas. A xente alucinaba co que facía nas Escolas da Guarda.

-¿E como traballaba?

-Introduce métodos novidosos. Os alumnos teñen liberdade para moverse na aula, non hai pupitres nin programas ríxidos, fomenta as excursións... Era a vangarda absoluta da renovación pedagóxica.

«A reválida de terceiro de primaria pareceríalle unha tolemia á coruñesa María Barbeito»

Logo de publicar a biografía da pedagoga coruñesa María Barbeito, Ana Romero Masiá xa está metida na súa seguinte obra. Será sobre unha muller da que non quere desvelar, de momento, nada máis que se trata dunha poeta. Volvemos a Barbeito.

-¿Falou con descendentes da pedagoga?

-Si, viven algunhas netas. A unha delas, Beatriz, que coñeceuna cando era nena, pregunteille como lembraba á súa avoa e díxome: «Triste».

-¿Por que?

-Imaxínese a tristura que tenlle que quedar a unha persoa que, estando na plenitude da súa actividade profesional, no ano 1936, é apartada e non a deixan exercer. Viviu unha morte en vida.

-¿Que pensaría María Barbeito da polémica reválida de terceiro de Primaria?

-Pareceríalle unha tolemia. Non estaría de acordo en absoluto.

-¿E vostede?

-Eu penso igual que ela. Non podo entender que se lle poñan cada vez máis trabas ós alumnos. Penso que o sentido é dicir: «Vamos a seleccionar o persoal e que estuden unicamente aqueles que valen. E todos os que non valen á Formación Profesional. Ese é o espírito, pero o ministro non se atreve a dicilo.

-¿Estaba marcada ideoloxicamente?

-Mais tarde, o franquismo dixo dela que foi a mestra que quitou os crucifixos das escolas e ela só cumpriu a lei. Gardounos. Desde o 36 ata que morreu en 1970, refuxiouse nas traducións.