«Son obradoiros experimentais nos que traballan con materiais de verdade»

La Voz

CABANA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

Beatriz Gómez Arribas e Sarely Montero Cárdenas Monitoras de Galipat

06 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Os nenos quedan súper contentos con estes obradoiros didácticos e tamén ao ver a cabana. Moitos visitan o dolmen, pero non entenden como vivía esta xente. ‘¿Vivían coma os indios?’, preguntan». Estas palabras de Beatriz Gómez, socia fundadora de Galipat xunto con Fernando Quintas, afianzan o sentido da idea impulsada polo Concello de Cabana, o de poñer en marcha unha aula que complemente a visita a Dombate. «Cóntaselles que non, que estas persoas xa vivían noutro período cultural diferente ao dos indios americanos. Cultivaban a terra e tiñan gandeiría», explica.

Beatriz é a encargada do «deseño do produto», do que se lle ofrece aos pequenos, un traballo que logo complementa Sarely Montero coa «metodoloxía», dende a súa profesión de pedagoga. Gandeiría, agricultura e cerámica tocan estes talleres experimentais que lles permiten aos rapaces quedar cunha idea clara do Neolítico e traballar con materiais de «de verdade»: arxila, pigmentos, caolín... «O centro de interpretación do dolmen de Dombate está moi ben, pero faltáballe unha aula didáctica que agora si ten, onde os nenos poden ver unha cabana feita con materiais e especies autóctonas recollidas no monte. Xesta local, xabre da zona, a arxila tamén... Todo o que se usou é de Cabana ou dos arredores», explica Beatriz, que pon en valor o feito de que estas actividades sexan gratuítas.

Valenciana, fala da boa experiencia que isto supón e faino nun galego que tamén domina Sarely, mexicana. Ela, que leva un ano con Galipat, coñecía menos a zona, pero amósase encantada: «A xente é xenial, cómese xenial, se dás unha volta tés a praia aí...». Como Beatriz, gaba o proxecto: «Paréceme moi boa idea. Difundir o patrimonio a través de actividades para as escolas é algo que a maioría dos concellos deberían poñer en valor. Unha boa práctica que se debería levar a cabo noutros lugares». Por diante quédanlles xornadas intensas, como a de mañá, luns, cun grupo de 96 estudantes. Talleres e visitas fanse por quendas.