A guía de Dombate denuncia que seis turistas de Valladolid a insultaron por facer unha visita en galego: «Cateta, imbécil!»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

Catro deles, segundo ela, rodeárona e agarrárona dun brazo e tivo que intervir o persoal de seguridade do centro de interpretación arqueolóxico

21 jul 2025 . Actualizado a las 09:55 h.

Iria ten 23 anos e reside no municipio de Cabana de Bergantiños. É licenciada en Historia e ten un máster de profesorado. Dende hai sete meses traballa como guía no Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate.

Este sábado, en torno ás seis da tarde, realizaba unha visita guiada. Eran unhas trinta persoas e a moza explicou en galego todo o relacionado coa historia do dolmen: «Así o indica a Deputación da Coruña. Esa é a norma se a maior parte dos visitantes son galegos, como foi este sábado», explicou a informadora turística. Iria fixo o seu traballo, preguntou se había dúbidas en canto á explicación e todos «responderon que non».

O problema, segundo ela, xurdiu cun grupo de visitantes de Valladolid á entrada do centro arqueolóxico: «Eran seis, tres homes e tres mulleres. Interceptáronme». A guía explicou que nun momento dado, catro deles rodeárona: «Eran dous homes e dúas mulleres e empezaron a insultarme. Chamáronme ‘‘cateta'' ‘‘imbécil'' e dixéronme ‘‘vete a la mierda''». O peor de todo foi que un deles proseguiu cos insultos mentres a agarraba dun brazo: «Berrábame dicindo que tiña que falar castelán porque eles eran de fóra, que a Constitución esixía falar castelán. Eu intentaba marchar de alí porque estaba moi nerviosa. Entón fixen un xesto coa man para chamar a seguridade e marchei de alí. Xusto despois chegou o de seguridade e botounos fóra».

Iria tamén quixo agradecer a un visitante da Coruña, quen mediou na liorta e díxolles a estes turistas de Valladolid que parasen.

A guía relatou que non é a primeira vez que ten un roce con visitantes por expresarse en galego: «Algunhas veces quéixanse, pero nunca como o que pasou onte [sábado] con este grupo de Valladolid». A guía turística dixo ter sufrido un ataque de ansiedade e que non descarta emprender acciones legais contra estas persoas polo trato vexatorio e insultos sufridos no seu posto de traballo.

Versión da Deputación da Coruña

Pola súa banda, a Deputación da Coruña, que xestiona o centro arqueolóxico Dolmen de Dombate, tamén deu a súa versión dos feitos acontecidos este sábado pola tardeExpresaron o seu «firme compromiso coa nosa lingua, e coa súa promoción e uso en todos os espazos públicos da nosa titularidade» ao mesmo tempor que afirmar que non ían admitir «ningún tipo de vulneración aos dereitos lingüísticos» e trasladaron a súa «tolerancia cero ante as faltas de respecto ao uso do galego». Dende a área de patrimonio da Deputacion lembran que a Lei de Normalización Lingüística, establece que o galego é a lingua oficial das institucións de Galicia, e debe ser utilizada con carácter xeral polas Administracións públicas nas súas actuacións e relacións. Tamén explicaron que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, «reforza o papel da lingua no ámbito turístico e cultural, promovendo a súa presenza en todos os niveis, sinalización e interpretación do patrimonio». Por todo isto, dende a Deputación da Coruña queren deixar claro o dereito dos profesionais a empregar o galego no desenvolvemento do seu labor, e condea «calquera tipo de discriminación, burla ou menosprezo, actitudes que atentan contra a convivencia, a igualdade lingüística e a legalidade vixente».

Dende o ente provincial engadiron: «O uso do galego nos espazos patrimoniais é tamén unha ferramenta para reforzar a autenticidade da experiencia turística. Porque a lingua é o noso maior patrimonioContinuaremos traballando para garantir que o galego teña presenza plena e digna en todos os ámbitos da vida pública, especialmente nos espazos da nosa titularidade, e prestaremos apoio ás profesionais que sufran calquera tipo de vulneración dos seus dereitos lingüísticos ou de calqueira outro tipo».

Dende a Deputación da Coruña engadiron que van solicitar en breve un informe ao servizo de vixilancia do centro arqueolóxico Dolmen de Dombate para coñecer os detalles de como aconteceron estes feitos.

Tamén abordou esta cuestión o Concello de Cabana. «O Concello de Cabana quere manifestar a súa máis enérxica condena ante calquera acto de intolerancia ou falta de respecto. Queremos expresar o noso total apoio e solidariedade coa guía que se atopaba a exercer o seu labor de divulgación do noso patrimonio local».