O Club do Mar, ante «un dos partidos máis importantes da nosa historia»

CAMARIÑAS

O capitán Diego Martínez analiza o choque contra o Boimorto, un dos máis duros nesta recta final na que disputarán o ascenso directo á Preferente
09 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.No Carballal e contra o Boimorto, o Club do Mar xoga hoxe «un dos partido máis importantes da historia do equipo». Así o comentaron adestrando o xoves xogadores e adestradores, como desvelou o capitán dos caioneses, Diego Martínez. «Se conseguimos gañar ao Boimorto marcariamos unha diferencia de quince puntos con eles e tería que haber unha hecatombe para que non xogasemos, cando menos a fase de ascenso a Preferente por primeira vez na historia, e iso xa sería un premio moi grande para un equipo como o noso», indicou Diego, que pensa que a de hoxe é a saída máis complicada que lles queda no calendario.
Primeiros clasificados, con tres puntos de marxe sobre o Carral e aínda sen perder, o capitán cre que o éxito é debido ao bo ambiente do vestiario, ao moito traballo nos adestramentos e ao gran ollo dos dous técnicos (Dani e David) para fichar. «O máis seguro é que a derrota chegue, e entón, se queremos manternos aí líderes ou arriba, non poderemos caer en dramatismos, senón asumila e seguir igual», sinalou o central, que afirmou que o Muxía «na primeira volta», foi o rival que máis lle gustou este ano.