«É o momento de comezar a propor solucións para o futuro do FIOT»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

O responsable do festival carballés, que concluíu onte, fai balance destes 25 anos de traxectoria

30 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Como presidente da asociación cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro leva 25 anos impulsando o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) e contribuíndo a convertelo nunha referencia nas artes escénicas, mesmo no edito estatal. Con motivo do peche da edición das súas vodas de prata fai balance e fala do seu futuro.

-¿Que pensa cando bota a vista atrás e repasa eses 25 anos?

-Que pasaron moitos anos e vamos moi vellos (ri). É unha gran alegría porque despois de todo Carballo ten no FIOT un patrimonio que todos fixemos que sexa de todos. A nivel xeral é algo moi satisfactorio, e no particular penso ¡canto teatro teño visto!

-O festival xa está consolidado, pero seguramente os inicios foron moi diferentes.

-Nós, cando empezamos non queriamos marcar ningún obxectivo, ningunha meta nin chegar a ningún lado. Era, sinxelamente, algo que nos apetecía; queriamos ver teatro. En canto ao traballo, non é que sexa peor ou mellor agora que antes; é distinto e as dificultades son diferentes. Ao principio a dificultade era existir, mentres que hoxe son máis organizativas e de outro calado. Agora a propia existencia do festival non está en cuestión.

-¿Supón moita presión ter posto o listón moi alto e xerar unhas expectativas cada vez maiores?

-Non, ningunha porque durante moitos anos fixemos algo co que nos sentíamos cómodos, que nos apetecía e que nos gustaba; programábamos con ese criterio. É certo que desde que Carmen Castro e o Pazo da Cultura entraron en escena os criterios profesionalizáronse máis e todo se fai cunha metodoloxía e un rigor superior porque Carmen é unha técnica e nós non eramos máis que afeccionados. Iso supón engadirlle autoesixencia, pero non presión. Tamén é verdade que co paso do tempo e pola súa dimensión pode ser que o festival acabe superándonos e teñan que ser outras persoas e outra organización a que continúe.

-Un clásico do FIOT é Alberto Sueiro na presentación anunciando que vai ser o mellor festival da historia. ¿Algunha vez ten pensado que esaxeraba?

-Non, porque realmente creo que sempre foi así. Todos os anos había retos novos que se conseguían, cousas que se querían facer desde tempo atrás e se facían, ou se incorporaban seccións ou cousas novas que lle ían dando máis corpo e máis músculo ao festival e así o convertían en algo mellor. Ademais, eu aproveitaba que a xente me dicía «este ano foi o mellor de todos» para responderlles «pois o seguinte aínda vai ser mellor». Pero pode que ao final xa sexa un tópico e agora resulte moi difícil ir a mellor porque o público de Carballo xa está moi educado no teatro e a esixencia é moi alta en canto á programación. Todos os que veñen recoñecen que o público que ve tanto teatro, tan diverso e de tanta calidade provoca certo respecto. A proba é que a compañía que pechou o festival foi a que se interesou en estar aquí como forma de entrar en Galicia.

-¿Cal é esa compañía, actriz ou actor que se lle resiste ao FIOT?

-Resístensenos poucas, porque as resistencias podía habelas hai anos cando eramos máis descoñecidos, pero unha vez que por aquí pasaron Els Joglars, Nuria Espert, El Brujo, Verónica Forqué, etcétera, etcétera, pois xa ninguén ten dúbidas. Mesmo este ano estivo programada Concha Velasco co seu novo espectáculo, Reina Juana, pero finalmente non puido estar aquí por unha cuestión de espazo escénico. Non se nos resiste ninguén, pero si hai xente que non puido estar aínda, pero que ao mellor no futuro si estará, como Pepe Sacristán, [Josep Maria] Flotats, José María Pou... O único que lamento, porque era unha ilusión de hai moitos anos, é Darío Fo, que xa non vai poder ser.

-¿O espazo do auditorio é o gran hándicap actual do festival?

-Non é exactamente un hándicap. Non o quero poñer como unha desculpa, pero creo que a capacidade de crecemento do festival vai estar condicionada por iso. E creo tamén que o Pazo fixo, e está facendo, un servizo impagable a Carballo e á cultura de Carballo nas súas diversas facetas, pero estanlle os anos enriba, camiña xa cara o seu 15º. aniversario e creo que é o momento de comezar a propor solucións para o futuro. Isto non se fai dun día para outro. Hoxe estamos comezando a notar que poderíamos desfrutar de espectáculos aínda máis grandes, e en teoría mellores, se tiveramos un espazo maior, e probablemente no futuro esta necesidade irá a máis. O outro día todos puidemos ver como a escenografía de Sueño de una noche de verano, de Metatarso, estaba absolutamente comprimida. Non digo que necesitemos un aforo moi superior, pero si un espazo escénico máis grande. E por iso propoño comezar a falar diso porque no mellor dos casos estará resolto dentro de 5 ou 6 anos, sendo optimistas, así que gustaríame que o ano 0 fora este.

-Miguel de Lira ao recoller o Xograr de Outono puña o FIOT como exemplo dun proxecto que está por riba das disputas políticas. ¿Como se consegue isto?

-Pois cun alarde por parte de todos de xenerosidade xa desde o minuto 1. Non hai que esquecer que cando isto comezou o concelleiro de Cultura, Marcelino Collazo, apoiou moitísimo que a estrutura do Pazo se modificase para celebrar representacións teatrais nas mellores condicións; e a primeira edición do FIOT fíxose baixo o amparo de Lumieira, cun goberno do PP e co PSOE na Deputación, que desde o primeiro ano apoiou grazas á intervención de Lito Fraga. Xa naquel momento houbo a conxunción de que ninguén puxo trabas e a partir de aí coa xenerosidade de todos foi posible que isto fóra para adiante. Eu mesmo e o actual alcalde fomos adversarios en primeira liña política pero sempre houbo unha disposición absoluta por parte de ambos a deixar isto á marxe de calquera debate e a apoiarnos e axudarnos para que fora mellorando cada ano. Pode ser que desde o ámbito político non se puidera impedir o festival pero si poñer moitos atrancos e dificultades que podían provocar a súa desaparición; non temos máis que ver o que pasou co festival de teatro de Cee. Nese sentido Carballo fai moitas cousas ben e esta é unha delas.

-¿Agora que conclúe esta 25ª. edición que balance fai dela?

-Creo que eu non debo facer o balance porque participo moito na contratación das compañías e en moitas das decisións que se toman, pero creo que en xeral cumprimos cos obxectivos que tiñamos: en termos de público, absolutamente, porque houbo cheos coma sempre. E en canto ao obxectivo de homenaxear ao teatro, ao festival e algunhas persoas creo que tamén porque todos os espectáculos eran unha homenaxe a esta arte e penso que tamén conseguimos trasladar ao público a satisfacción e a alegría que nós sentiamos por cumprir estes 25 anos.