«Xente coma O Xestal non debería morrer nunca»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Día histórico en Carballo na memoria de Carlos Díaz: máis de 1.600 nenos cantaron ao unísono o «Apaga o Candil» máis multitudinario, nunca visto

16 may 2023 . Actualizado a las 00:14 h.

Foi este luns a Praza de Carballo unha ágora de presente e de futuro. «Rimos co Xestal», líase nun cartel, erguido a modo fan. Máis de 1.600 nenos deste municipio protagonizaron un día para a historia, un abrazo logo do tempo a quen o polifacético Xurxo Souto definiu como «un artista moi grande, cheo de cultura, cheo de amor». Malia ter nacido na Coruña, Carlos Díaz, O Xestal (1933-1993), «quería tanto esta terra que decidiu converterse en veciño de Carballo». Do Seixo, en Lema. O que os nenos fixeron este 15 de maio por el, nunha iniciativa impulsada dende o Concello e a Comisión Ano do Xestal, foi armar «o coro infantil máis grande da historia» para interpretar o Apaga o Candil máis multitudinario nunca visto, ás portas das Letras Galegas, porque «cando honramos ao Xestal estamos honrando a música galega, a lingua galega, o humor deste país».

Non hai iniciativa con futuro que non deba asentarse nas bases, e durante semanas, os pequenos preparan esta icónica canción que durante anos pechou o programa da TVG Luar, a onde Carlos Díaz chegou como contador de contos e no que ficou como artista total. Coa colaboración dunha escola ben entendida, a que sempre debe aprender e contar o entorno na procura dos verdadeiros referentes, os nenos souberon del e falaron del nas casas, como tamén fixo o comunicador Xosé Ramón Gayoso, aclamado polos máis novos na Praza.

Ana García

El levantou aínda máis os ánimos berrando tres veces «Carballo!» e desexando vida eterna a O Xestal: «Xente coma el non debería morrer nunca, pero xa sabedes como vai este conto da vida. Cando menos, o espírito de Carlos O Xestal, ese espírito de festa, de ledicia, de contar á vida, de cantarlle á vida, ese é un espírito que debemos levar dentro dos nosos corazóns, é o que temos que festexar aquí en Carballo. O sentimento que el nos transmitiu, ese é o que ten que pervivir, sobre todo nos corazóns de xentes coma vós, os máis pequechos, que tedes os corazóns máis fortes e máis sans», afirmou Gayoso, quen cualificou o vivido como «o maior Luar da historia».

Unha cinta de ACDC

Alumnado do CRA Ponte da Pedra (que interpretou o Apaga o Candil en lingua de signos), do colexio Fogar, do Bergantiños, do Xesús San Luís Romero, de A Cristina, do Gándara-Sofán e do Nétoma-Razo foron e sentíronse protagonistas dun día para a historia que tampouco moitos veciños quixeron perderse, flanqueando ao coro miúdo nunha estampa da Praza que lembraba aos mellores días de San Xoán. O Apaga o Candil chegou ao Luar nunha cita de casette «chea de lamparóns de graxa» na que estaba escrito a man «ACDC». Todo o que devén historia ten anécdotas pequenas e esta é unha delas. O Xestal puido cantar en directo en Luar esta peza, mais poucos meses despois falecería. Logo, cando no programa decidiron pechar sempre cunha canción galega, o Apaga o Candil, atesourado nos arquivos, erixiuse himno cantado por artistas de dentro e de fóra de Galicia, como «un agasallo á nosa terra». O primeiro, el Fary. Pero tamén Celia Cruz, Camilo Sesto, Víctor Manuel, La Pantoja, María Dolores Pradera, Sabrina.... Estrofas ata o daquela entoadas nas casas, íntimas, pero que se consolidaron universais: «Por iso temos que espallar a nosa cultura, para facer máis feliz o mundo», convidou Souto.

Ana García

Na compaña do baile da Escola do Alprende, de Oza, e da guitarra e gaita de @s Jaloch@s, 1.645 nenos apagaron este luns un candil que, chegou a semellar, nunca deixou de estar aceso: «Que se escoite alá onde estea O Xestal, moi lonxe, pero moi cerca». Un candil quentando a entrega aos demais e o labor en pro da comunidade dun home lembrando sempre de lado dos febles, contador, cantador e regueifeiro, xa fose en televisión, rúas, festas ou feiras. Á de Carballo ía a cabalo, aproveitando para pasar polos micrófonos de Antena 3, hoxe Radio Voz. Noventa anos pasaron do nacemento de Carlos Díaz, e trinta da súa morte. Velaí o por que deste Ano do Xestal, do que aínda queda moito por vivir.