Razo, a praia que ofrece ondas e libros

LAURA RODRÍGUEZ / P. B.

CARBALLO MUNICIPIO

Cristóbal Añón

É a única na contorna que conta cun servizo de biblioteca e xa leva tres anos. Foi presentado onte, igual que o caderno de pasatempos A Píllara, este ano dedicado a O Xestal

11 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nova edición de A praia dos libros. Unha bibliopraia. É un proxecto que comezou no 2021 na praia carballesa de Razo, hai por tanto tres anos, e que se segue mantendo debido ao seu éxito. Este servizo busca combinar o estar na praia coa lectura, e relacionar esta actividade co descanso. Presentaron a iniciativa este luns Evencio Ferrero, alcalde de Carballo; Ángeles Pacoret, concelleira de Bibliotecas, e Carme Pereiro, técnica de Normalización Lingüística.

Para poder ser usuario da Bibliopraia tan só é preciso o carnés da Rede das Bibliotecas de Galicia: se non se é socio pode facerse alí mesmo, mais co DNI tamén sería suficiente. Ofrécese, a maiores, unha sección libre de bookcrossing: quen queira pode deixar ou coller un libro, sen necesidade de devolvelo. Ana Asensio, encargada da Biblioteca Rego da Balsa e tamén de A praia dos libros, comenta que os préstamos son de 7 días, con opción de renovalos unha vez, independentemente dos libros que se collen noutras bibliotecas.

Este servizo en Razo estará dispoñible de luns a vernes, de 13.30 a 17.30 no mes de xullo, e de 13.30 a 16.30 en agosto, ata o día 27. Tamén contan con varias actividades durante o verán. En xullo, o 12, poderase ver un documental sobre surf, o día 27 a partir das 13.00 ata as 20.00, cinco funcións do Mago Antón. En agosto, o 9, na Pedra do Sal o filme Dios mío ¿pero que nos has hecho?. O 24 de agosto achegarase ata a praia de Razo o cantante e contacontos Paco Nogueiras.

Cristóbal Añón

A Píllara das Dunas fala co Xestal

Esta xornada de luns tamén se presentou un novo exemplar do caderno de pasatempos A Píllara das Dunas, o número catro, que este ano, declarado Ano do Xestal, está dedicado á figura de Carlos Díaz. Carme Pereiro, técnica de Normalización Lingüística, conta que nela hai un diálogo constante entre o paxaro e o músico e contador galego. Ten un nivel máis asequible que o ano pasado coa intención de adaptarse aos máis pequenos, o que non quere dicir que non presente pasatempos de maior dificultade. Este pequeno libro de actividades de entretemento está feito pola Asociación Sociopedagógica Galega, é o único que existe de entidade local e íntegro en galego. De balde, quen queira pode conseguilo na Bibliopraia, así como nos postos de salvamento de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal. Tamén na zona do mercado ou no servizo de Normalización Lingüística. O alcalde, pola súa banda, lembrou que se está a desenvolvendo o programa Eu quero Razo-Baldaio, que no día de hoxe comezou a restauración da píllara de vimbio de Razo.

Documental de Surf

12 de xullo • 22.30. Reproducirase o documental Take every wave: la vida de Laird Hamilton, en Razo. Un relato dunha icona do surf que explora o medo, a coraxe e a ambición dun home por chegar a ser grande e o prezo que isto conleva.

O mago Antón

27 de xullo. A volta a Galicia en 313 concellos. Cinco funcións de maxia de 45 minutos cada unha. Os horarios son: ás 13.00, 17.00, 18.00, 19.00 e ás 20.00. Quen queira acudir pode anotarse a partir do 17 de xullo.

Proxección película

9 de agosto • 22.00.O filme Dios mío ¿pero que nos has hecho? reproducirase na Pedra do Sal (Lema). Unha noite, pois, de cine.

Actuación Paco Nogueiras

24 de agosto • 13.00. O cantante e contacontos Paco Nogueiras estará presente para entreter aos máis pequenos con C@nto conto en Razo. Unha sesión sumamente animada para escoitar e bailar.