Francisco Miguel, de Bértoa á eternidade

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO

CARBALLO MUNICIPIO

Homenaxe ao pintor Francisco Miguel, no cemiterio de Bértoa, ano 2000
Homenaxe ao pintor Francisco Miguel, no cemiterio de Bértoa, ano 2000 J.M.CASAL

Renace a luz definitiva dun gran pintor galego contemporáneo e a dignidade republicana dun cidadán demócrata vítima da barbarie fascista

27 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira noticia que chega a nós sobre a existencia do pintor vangardista galego Francisco Miguel foi no ano 1999 a través do libro Entre vanguardias. Francisco Miguel. Pintor gallego y mexicano (1897-1936), impreso e encadernado en México no mes de setembro dese mesmo ano con copyright do Instituto Nacional de Bellas Artes e do Museo Estudio Diego Rivera y Frida Khalo. Como lembraba o escritor e xornalista Edmundo Domínguez Aragonés, o libro en cuestión —unha fermosa peza bibliográfica de máis de 200 páxinas e con láminas a cores— estivera ao coidado de «mis amigos y editores Franklin y Angelita Ramos», mais a obra tamén ve a luz amparada polo Consejo Nacional para la Cultura y las Artes de México e do Círculo de Bellas Artes de Madrid. E aí figura, como non, o nome de César Antonio Molina, director naquela altura da entidade madrileña e colaborador textual no libro-catálogo.

Nunha carta de Luís Seoane ao seu amigo Francisco Fernández del Riego en 1948 o pintor e escritor galego-arxentino inclúe a Francisco Miguel entre aqueles artistas galegos que están á procura de «novas formas», creadores vangardistas que, «sen esquecer a paisaxe e a arte tradicional de noso que floreceu no medievo, van á conquista dunha pintura dos nosos días» mesmo nun plano internacional. Nunha carta posterior, esta de 1952, Seoane cualifica a Francisco Miguel, xunto con Fernández Mazas, como unha das figuras que máis ten contribuído á renovación da arte galega, e utiliza as seguintes palabras textuais: «Su pintura es limpia, clara, rigurosa y así son también sus temas últimos de rocas, caracolas y mar». Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, que inclúe a obra de Francisco Miguel na Sala 4 do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, tiñan en máxima estima a obra plástica do noso pintor vangardista.

INTERNET

Mais no libro mexicano dedicado a Francisco Miguel —velaquí o que acaba resultando unha revelación capital— inclúese un capítulo de 47 páxinas, titulado Diario, no cal Syra Alonso Brufau, muller do pintor, relata os dous últimos meses da vida do artista en 1936, dando conta finalmente do seu asasinato a mans de falanxistas coruñeses, e da aparición do seu cadáver —xunto con outros tres homes tamén «paseados»: Juan Boedo, Andrés Pinilla e Pedro Pinilla— nunha chousa do denominado Campo de Morgade, na aldea de Queo de Arriba, parroquia de Bértoa (Carballo). O pintor Francisco Miguel, despois de ser torturado, recibiu numerosos disparos, e Syra Alonso acabou sabendo que o seu cadáver presentaba a «cabeza destrozada y mutiladas las manos».

Un ano despois, no 2000, na Colección Mulleres da editora A Nosa Terra, dirixida por Carme Vidal e con tradución ao galego de Anxos Sumai, ve a luz a obra Diarios de Syra Alonso, que une á primeira parte memorialística xa publicada en México —o diario escrito en Tordoia/Ordes e datado en Santiago de Compostela en 1938— unha segunda parte —o diario de Actopan/Veracruz, datado en 1945—, completando así un documento que, como conxunto, en palabras de Carme Vidal, se converte nun extraordinario texto literario. Nese mesmo ano 2000, o 27 de setembro, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, por decisión da súa Xunta Directiva, organiza no cemiterio de Bértoa unha homenaxe a Francisco Miguel, na que colaboran a Asociación Galega de Artistas Visuais e a Asociación Cultural Lumieira de Carballo, con Correa Corredoira e Xan Fraga como representantes principais, e á que acoden, entre outros escritores e artistas plásticos, Manuel María, Luísa Villalta, Manuel Facal, Xavier Seoane e Pepe Galán.

A parroquia carballesa de Bértoa —no seu cemiterio atopábase a foxa clandestina onde foran soterrados os catro mártires coruñeses— foi o espazo pioneiro en Galicia na reivindicación civil e cultural da figura de Francisco Miguel. Tamén no 2000 o Círculo de Bellas Artes de Madrid —sempre aí César Antonio Molina— acollía unha magnífica exposición da obra do artista, inaugurada o ano anterior no Museo Diego Rivera de México e levada en xaneiro de 2001 ao Quiosco Alfonso coruñés. Xa no ano 1999 o Concello da Coruña lle tiña dedicado unha rúa a Francisco Miguel, mais tamén o Concello de Carballo, precisamente en Bértoa, lle daría o nome do pintor a unha das súas rúas, dedicándolle tamén outra a Syra Alonso.

Agora que foron recuperados os restos dos masacrados en Bértoa —a través dunha iniciativa concreta e con proxecto de execución da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica—, medra entre nós un fondo sentimento de xustiza cumprida: polos seus familiares, por unha razón humanística e cívica, pola sociedade democrática en si mesma. E aparecendo, como apareceron, os restos de Francisco Miguel, sabemos tamén que se fai, en Bértoa e dende Bértoa, historia cultural de Galicia, que renace a luz definitiva dun gran pintor galego contemporáneo e a dignidade republicana dun cidadán demócrata vítima da barbarie fascista. A partir de agora —beizóns sempre ás veciñas e veciños de Bértoa veladores e custodios da verdade e da memoria— ábrese un novo camiño na eternidade de Francisco Miguel, un dos grandes artistas da vangarda galega, europea e americana da primeira metade do século XX. Honor e gloria sempre.