Carballo, creatividade e talento

Xurxo Souto

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

En primeira persoa, por Xurxo Souto | Agoiros apocalípticos, vide coller recortes de futuro, vide coñecer Carballo!

22 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No 1992 Carballo mudou a miña vida. A primeira gran actuación dos Diplomáticos foi no San Xoán dese ano. E foi ben. O que até entón era só o proxecto duns rapaces de Monte Alto, armar música en galego para a xente nova, encheuse esa noite co arroallo da vida. Carballo xerme da arroutada, principio da revolución do bravú.

Non podía imaxinar entón que trinta anos despois ía volver, mais a un escenario diferente: profesor de Latín no instituto Isidro Parga Pondal. A capital de Bergantiños nunca defrauda. O Parga Pondal non é un instituto, é unha factoría de creatividade. Na primeira garda apelei á música e a rapazada, de cuarto da ESO, nun só instante creou este himno:

O Anllóns e o San Xoán, o Chorís e mais o pan, as verbenas e os xeados. Pra tomar o baño imos sempre cara a Razo. Nena! Eu son de Carballo.

Recibín un gran legado: o alumnado de Claudina Veres, ilustre latinista. Clases que axiña se viraron canción, do hexámetro de Virxilio ao Gaudeamus igitur. E anuncio que está a medrar un proxecto, Carmina Maxima, coro de canción en Latín.

Pensei que coñecía ben o lugar. Este reencontro está a ser unha gozosa sorpresa: Carballo, un modelo na lingua para Galiza toda.

Tempo de derrotismo. Estannos constantemente bombardeando con mensaxes apocalípticas —e moi interesadas— sobre o declive da lingua galega. Que saiban eses agoiros que existe unha alternativa: Carballo. Cidade poderosa onde o galego é a lingua maioritaria. Contorna creativa que, precisamente por isto, sitúa a lingua como un elemento de vangarda: Agoiros apocalípticos, vide coller recortes de futuro, vide coñecer Carballo!

Como exemplo, acudo a unha persoa moi querida, Carlos Díaz, O Xestal. Neste ano dedicado á súa memoria, sublimada polo dinamismo carballés, a súa figura abandonou o universo da nostalxia para se converter en argumento dunha produción teatral contemporánea: Apaga o candil, a obra que Cándido Pazó —por encargo do propio festival— estreou hai uns días no FIOT.

Ana García

Por certo, dentro das efemérides do Xestal, moi ben o pasei hai uns meses cantando, precisamente Apaga o Candil, con Xosé Ramón Gayoso e miles de rapazas e rapaces na Praza do Concello.

Outro reencontro cun lugar moi querido. Cando traballaba en Radio Coruña, cada San Xoán faciamos o programa A Tropa da Tralla enriba do propio palco. Lembro unha entrevista a unha rapaciña, discípula de Manolo Bello, que tocaba moi ben o acordeón. Falo dunha gran artista, a escritora Rosalía Fernández. Hai un par de anos tiven a honra de que me acompañase no Casino, na presentación da novela A gran travesía de Chiruca Macallás.

Con nós, outro talento bergantiñán: Lupe Blanco. Casino de Carballo! Ou cultura en colectivo contra o negocio do cemento. O meu humilde apoio a este gran proxecto. E a miña absoluta devoción por Lupe, a revolución da regueifa. A súa escola está chegando a todos os recantos de Galiza. Mesmo tamén ao meu instituto. Dous profesores, José e mais Lucas, son discípulos desta mestra. A regueifa soa decote polos corredores. Docencia enriquecida —o pasado é o futuro con esta vella arte bergantiñá.

E xa que voltei ao Parga Pondal, quero dar as grazas a Beatriz e Lucía, dúas exalumnas que viñeron de visita e amablemente posaron comigo nesta foto. Con elas aprendín que o legado de San Martiño de Dumio continúa presente en Sísamo. A xente maior segue a utilizar terza feira e corta feira —como se fai en Brasil e Portugal—, o sistema para denominar os días da semana que o propio Martiño indicou, século VI, no seu De correctione rusticorum. Os profesores, sempre a aprender das nosas marabillosas alumnas.

Como xa hai confianza —levamos xa moitas liñas xuntos— volto a comezo.

Nesa primeira actuación dos Diplomáticos, 1992, cando estabamos absolutamente desfeitos despois de dúas horas de arroutada, achegouse un vello e botou esta sentenza: Estivo ben, pero tocastes pouco!  Que non acougue esta paixón! Grazas, Carballo, por tanta vida.

DNI

Xurxo Souto. Xurxo Manuel Souto Eiroa, de nome completo, nado no ano 1966. É cantante, é acordeonista, é escritor, tamén actor, director e locutor, ademais de licenciado en Filoloxía Clásica. Hoxe, case carballés, no entanto que é mestre de latín no IES Parga Pondal e, como atestigua este texto, ten fonda relación con esta vila. Fixo o seu rostro popular ter sido o líder e vocalista da banda de rock en galego Os Diplomáticos de Monte Alto. Por ser, Xurxo Souto tamén é Bo e Xeneroso, pois con ese premio o recoñeceu a Fundación Eduardo Pondal.