Álex Ávila: «Teño admiración polo médico rural»

P. Blanco / F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

A viva voz | Neonatólogo carballés, el é un dos impulsores do Encontro Médico de Bergantiños: será este sábado

17 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Acollerá Carballo este sábado o segundo Encontro Médico de Bergantiños: 10.30 horas, Pazo da Cultura, aberto ao público xeral, desta comarca e de todas as áreas sanitarias. Co apoio do Colexio Oficial de Médicos da Coruña e do Concello, impulsan a iniciativa dous carballeses, o psiquiatra Juan Carlos Díaz e o neonatólogo, director de Atención Hospitalaria do Chuac e director do hospital materno infantil Teresa Herrera, Alejandro Ávila. Falou Álex Ávila onte con Fran Rodríguez en Radio Voz:

—Volve este encontro médico.

—Si, xa tocaba. Comezamos no 2019 e detívose pola pandemia. Estamos ilusionados con recuperar un encontro que naceu de xeito improvisado coa idea de que ser algo informal, unha comida entre médicos de Carballo. Querendo poñelo negro sobre branco, tomou forza e tivemos a sorte de que o Concello de Carballo, permeable ás propostas da cidadanía, o asumise como propio. O Colexio de Médicos, igual. Así deveu unha xornada máis grande, e o certo é que no 2019 acabamos encantados. Non necesariamente ha ser anual, un pouco cando nolo vaia pedindo o corpo, haxa tempo e cadren as axendas...

Xa uns 50 médicos inscritos.

—Si, e de aí para arriba, sabémolo polo 2019. Animo a todo aquel que se queira achegar ao Pazo, dá igual que non estea inscrito. Tamén ao público, que pode vir a algunha das mesas só, se non pode quedar toda a mañá. A idea é que a xente coñeza esas persoas que están exercendo un posto de responsabilidade. Poño o caso de Sonia Mosteiro, neurradióloga excelente: ela é o que é, referente, pero é tamén a filla de Carmiña Añón, a tenda da esquina de Desiderio Varela co Concello. A idea é levar estas profesións ao terreal, que cheguen á sociedade e ás novas xeracións.

—Xa o dicían na presentación: transcender a medicina para que sexa iso, acto social de encontro.

—No fondo de todo está enxalzar a profesionalidade dalgúns carballeses e bergantiñáns, é importante ás veces sacar peito e ser conscientes de que temos a moitas persoas exercendo traballos de alta cualificación e especialización. A maiores está o intercambio de experiencias, é bo que nos coñezamos e poñamos cara.

Alejandro Ávila
Alejandro Ávila BASILIO BELLO

—Como diría que é o exercicio da medicina na Costa da Morte?

—Non se pode entender, ao igual que noutras áreas rurais de Galicia, sen a figura do médico rural, do médico de pobo. Sorpréndome moito cando vexo o que facían os médicos de antes, cuns medios que non teñen nada ver cos de hoxe. Traballando no Chuac, por mencionar onde traballo eu, as cousas son máis doadas. Sistema sanitario potente, recursos tecnolóxicos, profesionais que te acompañan... Iso, se me apuras, non ten moito mérito. Na miña casa fálase moito de Mariño, homenaxeado na primeira edición do encontro, médicos especialistas en todo. Partos, cirurxías... Sinto admiración absoluta por estes médicos. Este ano homenaxearemos a Pedro Tasende [falecido en xaneiro], pediatra, especialista case en toda patoloxía infantil. Hoxe a especialización, sendo eu tamén pediatra, lévache a ser experto nalgunhas cousas, pero noutras non tanto.

—Perdeuse esa imaxe cercana?

—Quizais un pouco si. O sistema público veu mellorando moito nos últimos anos, en moitos aspectos, a accesibilidade ao sistema público é tremenda. Ao contrario do que poida parecer, nunca houbo tantos pediatras por neno en Galicia, o que pasa é que a sociedade tamén cambia, a demanda é distinta, como é lóxico. Houbo cousas que quedaron polo camiño, e a cercanía pode ser un exemplo. Ese médico que coñecía nomes e apelidos do paciente, pero tamén gustos e afeccións. Temos que reflexionar sobre como é o mellor xeito de volver a iso.

—«Medicina e algo máis que medicina»: ese vai o ser o lema da mesa redonda deste ano, moi centrado na medicina de familia.

—A idea inicial era incluír profesións que ligan coa medicina, e que non son estritamente médicos. Por exemplo, o xornalista Manuel Rey, e o seu xeito de afrontar a comunicación da ciencia [con el tomarán parte nesa mesa redonda o médico de familia José González; a neurorradióloga Sonia Mosteiro e o odontólogo e escritor Héctor Lema].

—Marisa Crespo, cardióloga, pronunciará a conferencia convidada deste ano. ¿Por que a elección?

—Medalla de Ouro polo Colexio de Médicos, Marisa Crespo é referencia mundial no ámbito do transplante e da insuficiencia cardíaca. O hospital da Coruña é tamén referencia nisto, e pendille que nos fixese unha reflexión sobre a historia recente deste eido, viviuno en primeira persoa. É ademais excelente comunicadora.

—E vostede? Cal é o cometido de ser director de hospitalización?

—Intentar que a hospitalización na área sanitaria de A Coruña e Cee vaia ben, o mellor posible. Son case 600.000 habitantes, unha barbaridade, e temos máis de 5.000 traballadores só na Coruña. Non é algo que dependa unicamente de min, somos un equipo tratando que a nosa sanidade pública, ben tan prezado, sexa o máis eficiente posible.