Un bravo Carballo sumouse o venres a festexar os trinta anos do rock Bravú

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Presentouse no Pazo da Cultura, en presenza de Xurxo Souto e de integrantes de Os Impresentables de Vimianzo, o documental que recorda os trinta anos deste movemento musical e lingüístico

10 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non fixo falta que agromase en Carballo algún dos grupos que naqueles anos noventa integraron o movemento Bravú. Carballo, di o incombustible Xurxo Souto, xa é bravo por definición. E foi precisamente nunhas festas do San Xoán onde aqueles Diplomáticos de Monte Alto certificaron o seu proxecto de cantar en galego.

Este foi un dos recordos que compartiu o venres Souto cos espectadores que se achegaron ata o Pazo da Cultura para participar da presentación do documental Bravú XXX, que rememora os trinta anos deste movemento musical e lingüístico.

Producida por Nós Televisión co apoio de concellos como o de Carballo, na peza aparecen voces como a de Paola Beiro, das Garotas de Ribeira; Nuno Pico, de Grande Amore; Xosé Manuel Pereiro, alias Johnny Rotring; Sés ou os Vacalouras, que axudan a construír un relato que remata co propio Souto reuníndose en Chantada cos fundadores do Bravú. Naquela mesma taberna de aldea na que un 31 de outubro de 1994 quedou bautizado este movemento.

Durante a presentación, a concelleira Belén Lendoiro puxo en valor o que esa corrente supuxo para a cultura e para a propia lingua. Ao igual que Rosabel Candal, que no nome da produtora explicou que o que buscaban con esta peza era establecer unha conexión co presente, con todos eses grupos e artistas que na actualidade se expresan na lingua do país.

Souto reivindicou, entre outras cousas, a talento e a gran porcentaxe de galegofalantes que ten un entorno urbano como Carballo, mentres que Benxamín Queiro, que participou na presentación xunto con outros dous integrantes de Os Impresentables de Vimianzo, desexou que a través da peza audiovisual se dese transmitido «iso tan positivo que naceu co Bravú hai trinta anos», apuntou.