Feirón de solidariedade en Carballo, o vindeiro domingo 30 de marzo

Cristina Viu Gomila
cristina viu CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

Trece asociacións e o Concello participarán desta iniciativa, Carballo Solidario, que terá un fondo compoñente participativo

21 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Domingo 30 de marzo • «Carballo é exemplar e exemplar é o voso traballo». O alcalde Evencio Ferrero resumiu deste xeito o labor que as entidades sociais fan no municipio e que se mostrará no feirón deste mes. Trece asociacións e o Concello participarán nun escaparate de solidariedade ao longo da rúa Colón, o 30 de marzo. Onte, no salón de plenos, fíxose a presentación. Acudiron representantes de boa parte das asociacións que participarán, a asemblea local contra o cancro, Afaber, Alcer, APEM, Aspaber, Cáritas-Arroupa, Cruz Vermella, o curso de atención sociosanitaria, Fundación Érguete, Fundación Humana, Íntegro, Un paso máis e Vieiro.

Obradoiros

Haberá 14 postos nos que cada unha das entidades vai amosar o seu traballo, pero haberá tamén obradoiros para os cativos e servizo de canguraxe. Érguete propuxo unha actividade coas redeiras de Corme e a asemblea contra o cancro unha de macramé. Tamén haberá de Vieiro e de Aspaber. Trátase de que a mostra teña unha parte de participación moi importante e tamén que todo o que fan as entidades sociais non só chegue aos veciños de Carballo, senón tamén á xente de fóra, contando co tirón que ten o feirón. O alcalde destacou o traballo que están a facer as entidades en temas moi complexos e trasladou o agradecemento da sociedade carballesa.

Abriu a presentación o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, quen destacou que a mostra Carballo Solidario é un xeito de dar valor engadido a actividade comercial. A responsable de Benestar Social, Maica Ures, explicou que o que se pretende é dar pulo a colectivos que fan un «labor tremendo, un traballo ás veces moi pouco valorado». Destacou que é importante que haxa relevo e que a xente nova se achegue ás entidades.

De parte delas falou a nova presidenta de Un Paso Máis, Banesa Martínez, quen agradeceu a oportunidade de dar a coñecer a nova directiva. Ademais da carpa para obradoiros haberá outra máis pequena para que as consultas poidan facerse con intimidade.