
O grupo Adega estreou na Praza do Concello unha mostra que xirará por outras vilas galegas
01 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O grupo ecoloxista Adega cumpre medio século, cincuenta anos velando por coidar e preservar o medio ambiente galego. Unha efeméride que a asociación festexou onte cun acto e unha exposición na Praza do Concello de Carballo, mostrando en 16 paneis os seus logros e iniciativas máis relevantes.
Entre os éxitos singularizados na mostra, destacan o freo a grandes encoros e a prohibición dos vertidos radioactivos no mar galego. Na exposición abórdanse tamén as ameazas polas que loita a asociación, como a incineración de residuos, os lumes forestais e a macrocelulosa de Altri.
O acto de apertura da mostra —que xirará por outras vilas— contou coa intervención de María Rodríguez Lafuente, vicesecretaria da entidade, quen agradeceu ás persoas, institucións e socios pola súa presenza e colaboración. Rosa Ana García, responsable da área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña, engadiu á intervención de María que «Adega é máis necesaria que nunca, polos conflitos medioambientais que temos a día de hoxe».
Tamén estiveron presentes no encontro Belén Lendoiro, tenente de alcalde de Carballo, e Francisco Felípez, veciño do municipio que viviu en primeira persoa a mobilización do 8 de maio de 1977, para reivindicar o dereito a faenar no areal de Baldaio.