Eva Souto, doutora en Dereito: «Quen máis sofre a violencia dixital son mulleres e nenas»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Eva María García Souto é penalista
Eva María García Souto é penalista ANA GARCÍA

Especial 25N | Penalista, coordina co Concello dende a UDC unha xornada prevista para o día 27 en Carballo

23 nov 2025 . Actualizado a las 21:53 h.

Entre as moitas iniciativas de concienciación ás portas do 25N, Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, tamén convocatorias para analizar a actualidade. É o caso de Carballo, onde máis alá do resto de programa e da mobilización do propio martes 25, terá lugar o xoves 27 de novembro (17.00 horas, Escolas Agra de Caldas) un café-debate ou xornada divulgativa impulsada dende o Concello e a Universidade da Coruña (UDC). Leva por título Violencia dixital: a violencia de xénero do século XXI, e detrás da súa coordinación está unha carballesa, Eva María Souto García, doutora en Dereito e profesora titular de Dereito Penal na UDC:

—Dicimos ben: carballesa.

—De toda a vida!

—Violencia dixital, a violencia deste século. Mudaron as formas, mais no fondo aí está a violencia sobre a muller. E golpea duro a través das tecnoloxías.

—Si. Estamos vendo como a violencia de xénero, esa violencia que se exerce sobre mulleres e nenas polo feito de ser mulleres e nenas, se está intensificando a través das redes, internet, en xeral TIC ou TRICS. A violencia dixital afecta a homes e mulleres, pero quen máis a sofre porcentualmente son mulleres e nenas. Ciberacoso, xeolocalización e a utilización de imaxes simuladas —como o caso das deepfakes, un dos temas que trataremos—, ou simplemente a captación de imaxe real que despois é filtrada a través de redes, WhatsApp ou calquera medio de comunicación masiva que permita a revelación desas imaxes.

—É un mundo complexo.

—Si, un tema que me gusta e no que veño traballando dende hai tempo. Son expertos nesa violencia dixital os compañeiros que estarán comigo. Transmitirán os seus coñecementos e os estudos que se están levando a cabo.

—Por que se quixo poñer o foco neste tipo de violencia?

—Porque xa no 2021 houbo un fito importante. A propia lei de violencia de xénero galega recoñeceu expresamente a violencia dixital como unha modalidade de violencia de xénero, seguindo o que se viña facendo no ámbito internacional. Ademais, no 2024, unha das últimas directivas da UE trata este tema. Está en apoxeo, hai moita desinformación, e transmitir unha información básica e de xeito divulgativo á cidadanía pode axudar a rebaixar os índices deste tipo de condutas que afectan aos dereitos fundamentais das persoas. Coa evolución da IA, da intelixencia xerativa, na que o que hoxe ves mañá xa cambia, o reto aínda é maior, e o problema por exemplo no caso das deepfake é que non están reguladas de forma exhaustiva. Estamos ante un delito? Ante unha infracción civil? Aínda non sabemos cales son os perfís legais nos que se ha de abordar, por exemplo, que alguén manipule unha imaxe para facer que nela pareza o meu rostro e o corpo espido doutra persoa. Todo isto está por determinar, os traballos en Europa van cara ese horizonte.

—Vostede abrirá as intervencións en Carballo. Que contará?

—A miña intención con esa pequena introdución vai ser fixar o punto de partida. De que falamos cando falamos de violencia de xénero? Tratarei de deixar patente o concepto que manexamos a nivel nacional, un concepto que parte dos conceptos internacionais. Temos que determinar que é a violencia de xénero para despois ver como ese tipo de violencia se pode cristalizar na violencia dixital.

—Que pode avanzar do que ofrecerán os seus compañeiros?

—José Antonio Ramos é especialista en delitos sexuais con vítima menor e adulta. Ten traballado moito sobre o delito de acoso cibernético e nas redes e el falaranos sobre a captación, consentida ou non, de imaxe de carácter sexual e a súa posterior filtración sen consentimento. Falaramos tamén de como dende o Código Penal se está tratando esta cuestión. Ana María Neira, directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC e tamén procesualista, centrarase nas deepfakes, como imaxes xeradas por IA poden chegar a constituír un delito ou non. Agora mesmo non existe un delito que as tipifique especificamente, pero si canles nas que se poderían sancionar estas condutas. Dentro da violencia dixital, polo tanto, os dous falarán dunha violencia que afecta principalmente ás mulleres e que pasa pola captación desas imaxes de contido sexual, nun caso reais e noutro manipuladas por IA.

—Case que requiriría lexislar día a día para ir adaptándose.

—Europa estao facendo, pero ás veces non é tan doado. Este tipo de violencia non é que só avance moi rápido, senón que lexislar sobre ela require un coñecemento profundo da tecnoloxía para poder deseñar normativas, coñecemento doutras disciplinas que ás veces nos quedan lonxe.

«É importante que saiamos da Universidade e contactemos coa sociedade»

Sexting, acoso, coacción, honor e imaxe... Todos eses conceptos tocaranse o 27 en Carballo. A asistencia é de balde, mais cómpre inscribirse en carballo.gal. Eva Souto recomenda no caso de verse nalgunha desas situacións acudir ás autoridades e incide no carácter divulgativo do encontro: «As Administracións están a facer un esforzo para que este coñecemento chegue aos profesionais da educación ou do ámbito sanitario. Na UDC, por exemplo, temos un programa de formación que inclúe as novas tecnoloxías».

—O interese está acreditado.

—Pola miña experiencia podo dicir que son accións formativas cun éxito rotundo. Por que? Porque as novas tecnoloxías teñen moitísimos beneficios, non podemos non telos en conta, precisámolos, e hai que prestarlles atención. Hoxe todo está informatizado, hai unha app para cada parcela da túa vida e non nos vai quedar máis remedio.

—Cre que falta perspectiva de xénero á hora de lexislar?

—Imos avanzando. Ese concepto da perspectiva de xénero como a empatía cara o xénero feminino, intentando pór no centro a visión de que non se vive ou de que a realidade non é igual pertencendo a un outro xénero, penso que si se está implementando nas leis. Creo que si, que se están facendo esforzos para deseñar un sistema penal que teña perspectiva de xénero, para evitar os sesgos, que aí están, presentes, mesmo na propia IA. Outra cousa é que eses esforzos sexan lentos.

—Falaba na presentación do programa da importancia de contarlle á sociedade todo o que se está a facer e investigar.

—Véxoo necesario e satisfactorio, tanto para a sociedade como para as persoas que participamos nestes programas de divulgación. O coñecemento, se non é transmitido, non ten sentido. É importante que saiamos da Universidade e nos poñamos en contacto coa cidadanía.